O Residencia, penúltimo obstáculo para o Antela xuvenil

O Antela recibe este sábado ao Residencia de Lugo (12,00 horas) no Fernández Carrera, coas baixas de Izan, Amine e Lulo, os tres en proceso de recuperación, e coa incógnita de Lois, enfermo a semana pasada.

A cinco xornadas para o remate da Liga, os de Forri marchan na terceira praza da clasificación (os catro primeiros ascenden e o quinto tamén podería promocionar en función dos arrastres). O Antela, que na primeira volta gañou 0-4 en Lugo, mantén unha vantaxe de 3 puntos sobre o Residencia, cuarto clasificado, e 5 sobre o Sarriana, quinto.

Até o adestramento deste venres non se coñecerá se Jorginho (dous goles a semana pasada) poderá reforzar ao xuvenil, e Codes (autor dun gol diante do Purísima) aparece na recámara. No medio campo, o recurso de David Rivero podería non ser provisional. Forri está contento co desempeño do futbolista, que empezou a tempada como dianteiro e pasou despois a central. “David está para xogar onde lle pida, sempre con boa disposición e disposto a axudar aos compañeiros”, di Forri, que tamén valora o momento de forma de Cerredelo e a aparición de Diego Capi.

Forri, tras a sesión preparatoria do mércores.

No resto da xornada, que podería ser chave tanto para a loita polo título como para definir xa as primeiras prazas de ascenso, o líder, o Estrada (24 puntos), recibe ao Sarriana (15); mentres o Verín (8 puntos) e o Antas (8) apuran as súas últimas opcións de promoción: os verinenses reciben ao Barbadás (segundo con 19 puntos) e os lucenses visitan ao Purísima.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario