Bruno Gómez deberá descartar tres futbolistas dunha convocatoria de 21 na que o adestrador do Antela toma precaucións ante as molestias de Martín Caneiro e Antón, e a recuperación de Xabi Lamas, que si traballou co grupo o xoves.
A gran novidade esta semana na lista é a aparición de Emanuel Isuardi, o lateral dereito arxentino que leva dous meses adestrando a diario (co primeiro equipo, cando cadra, mais tamén co filial e mesmo co xuvenil) na Moreira. Isuardi podería debutar diante do Córgomo este domingo (17,00 horas).

Isuardi vén aumentar a competencia na liña defensiva, mais é un reforzo pensando sobre todo na próxima tempada. O futbolista de 24 anos, que no seu país xogou os dous últimos anos na terceira categoría, chega coa intención expresa de facerse profesional. Despois do regreso de Gastón a Chile a comezos da tempada tras non conseguir arranxar a súa situación legal, o Antela elixe outro defensor latinoamericano mentres espera a que madure o produto da canteira.
Na convocatoria volve estar Xurxo, o pivote do filial, que dispuxo de minutos nos choques co Cartelle e co Maceda. E tamén está citado Lois, ausente por cuestións laborais neses mesmos encontros.
Polo visto durante a preparación destes días, Bruno Gómez espera un Córgomo Vilamartín moi parecido ao que venceu ao Antela na primeira volta (3-2), cun xogo de combinación, gusto polo balón e capaz de defender moi alto.
O Córgomo inda aspira a alcanzar unha praza na promoción de ascenso. Navega a 6 puntos do Polígono (3º), cun partido menos pero cun calendario moi duro até o final da Liga. Os verdibrancos perderon pé en marzo, con dúas derrotas (Loñoá e Celanova) e un empate (Carballiño), cando un mes antes mesmo aparecían como un rival do Antela polo título. Por fútbol e calidades, o Córgomo é, xunto co Celanova, un dos equipos á altura dos limianos. Así que o partido de mañá preséntase como o último gran choque para os de Bruno Gómez na Moreira, que contan os días para amarrar definitivamente o ascenso.
Antes do arranque do xogo, seis futbolistas do Antela recibirán o seu agasallo -un debuxo a plumiña e lapis do artista limiano Xosé Lois Carreira- como Xogador do Mes. Son Bruno Pío, Xabi Lamas, Jorginho, Álex Boán, Antón e Carlos, elixidos en votacións da afección. Na entrega, ademais do autor, Xosé Lois Carreira, participarán a actual concelleira de Deportes do Concello de Xinzo de Limia, Cristina Campero, e o seu antecesor no cargo, Rafael Penabad, ademais do presidente e o vicepresidente do Antela, Pablo Losada e Juan Gómez.
Convocatoria:













