Jorginho suma 8 goles co xuvenil. Os catro primeiros foron contra o Velle, nun partido ao comezo da tempada. Unha proba. Os dous de onte ante o Residencia e os dous da semana pasada diante do Purísima resolveron dúas citas decisivas na loita dos de Forri polo ascenso. Jorginho, titular no primeiro equipo, quedará nos libros como un dos protagonistas desta Liga do xuvenil.
Sen Izan e Amine, sen porteiro suplente no banquiño, con medio equipo coa gasolina na reserva, o Antela xuvenil vai alcanzar a meta antes do que se pensaba nunha Liga que foi máis dura nesta parte final do que se pensaba. O equipo de Forri é como eses ciclistas que se amarran ao pelotón de cabeza e, coas forzas xustas (veremos como están as dos outros), entra na última curva en posición de disputar o triunfo no sprint.
Os resultados de onte na fase de ascenso a Preferente xuvenil despexan o horizonte a só catro xornadas para o final da Liga. O equipo da Escola Estrada venceu ao Sarriana (3-1) e selou o seu ascenso. Mantense líder con 6 puntos de vantaxe sobre o Antela e 8 sobre o Barbadás, que son os únicos que lle poderán discutir o título.
O Antela recuperou a segunda posición. Supera ao Barbadás na clasificación (21 puntos fronte a 19) e aumenta a súa vantaxe a respecto do Residencia (4º, a 6 puntos máis o ‘golaverage’) e do Sarriana (5º, a 8 puntos).
Con 12 puntos en disputa, o Antela pode asinar o ascenso cun triunfo en Antas de Ulla na próxima xornada: 1) se o Residencia perde na casa co Estrada, ou 2) se o Sarriana non gaña ao Verín.
En calquera caso, un triunfo en Antas, garantiría que o Antela xuvenil dependese só de si propio na seguinte xornada (visita do Barbadás a Xinzo o 26 de abril).
Queda traballo. Antes do descanso de semana santa, Forri deberá recuperar aos xogadores do tremendo esforzo deste sábado, consolidar un once no que David (central ou pivote) e Codes (titular ou revulsivo) convertéronse en pezas clave coas que armar un equipo ou outro, e convencer ao talento (Anxo, Dameá, Fabián…) de que sen Izan e Amine no campo, eles tamén poden co peso. Jorginho, mentres, combaterá en dúas frontes: ten peito e calidade para todo.
GALERÍA



