A primeira oportunidade para o ascenso do xuvenil

O Antela xuvenil viaxa o sábado despois do xantar cara Antas de Ulla. O partido é a primeira oportunidade dos de Forri para confirmar matematicamente o ascenso á segunda categoría do fútbol galego. Non dependen de si propios, pois necesitan gañar e que o Sarriana non sume máis dun empate no seu choque co Verín, ou que o Residencia perda na casa contra o Estrada. Os limianos volven a acusar as baixas de Izan, Amine, Lulo e Lois. Mais é probábel que poidan contar co reforzo de Jorginho, autor de catro goles decisivos nos últimos dous partidos.

O Antela de Forri recuperou o sábado pasado a segunda posición na clasificación (hai catro prazas de ascenso directo) a falta de só catro partidos (Antas e Sarriana, fóra; Barbadás e Estrada, en Xinzo) e suma 21 puntos. Antes de xogar co Antas, está a cinco puntos de amarrar o ascenso. E inda ten opcións de disputar o título de Liga ao Estrada, que visitará A Moreira na última xornada de competición.

Con esta perspectiva, asumidas as baixas de dúas pezas insubstituíbeis (Izan e Amine) e con Jorginho implicado ao cento por cento, Forri deberá decidir se xogar con dobre pivote ou arriscar desde o inicio con Codes ao lado de Jorginho, a aposta diante do Residencia. O bo momento de Fabián e Anxo, sempre predispostos para o traballo defensivo, e a solvencia de Aarón e Pablo Nóvoa, entre outros, saíndo desde o banquiño, permiten a Forri variar o repertorio.

O Antela afronta o seu décimo-terceiro partido como visitante na Liga cun balance de 5 vitorias, 4 empates e 3 derrotas. Despois desta xornada, a competición fará unha paréntese durante a semana santa e o seguinte partido non se disputará até a última fin de semana de abril (ante o Barbadás) cando o equipo podería incorporar xa a Lois e Izan.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario