O Antela B, á caza do Coles

Nas últimas tres xornadas, o Antela B reduciu en seis puntos a distancia que o separa do Coles, un equipo que hai un mes parecía disparado cara o título. A distancia que separa aos limianos do filial da UDO inda é notábel (6 puntos), mais a un día do choque entre ambos na Moreira, o Antela B tense fe. Os de Iván Gómez cren no ascenso.

“O equipo está ben. Coa xestión do novo adestrador, desde hai unhas semanas temos as ideas claras e estámolas seguindo”, di Belucho, recuperado xa da lesión que cortou a súa tempada pola metade. “Estamos adestrando ben e afrontamos este tramo como unha final detrás doutra e dando o máximo en cada partido”.

Hai oito meses, no inicio da Liga, as esixencias eran outras. Agora o Antela B negocia a presión da loita polo ascenso. “A presión tamén nola poñemos nós. Unha vez que te ves aí arriba, entran ganas de competir. E esas ganas nótanse no vestiario e van a máis”, indica Belucho.

Declaracións de Belucho antes do adestramento do xoves.

O Coles perdeu pé nas últimas xornadas, nas que cedeu un empate e encaixou dúas derrotas até ceder a segunda praza (última de ascenso directo ao Purísima). Por xogadores e ambición do club segue sendo un dos candidatos ao ascenso. E podería chegar con reforzos á Moreira.

Iván Gómez, o técnico do Antela B, mantense na súa aposta. “Podemos pensar no ascenso, mentres haxa opcións, pelexaremos”. Para mañá non contará con Manu, que segue lesionado, nin con Adrián Carreira, sancionado con 3 partidos de suspensión tras a súa expulsión en Rocas.

No adestramento do xoves participaron Álex Teixeira, con molestias toda a semana, e Felipe, que regresa dunha lesión. Co primeiro equipo adestraron Raúl, Pitu e Xurxo. Os dous primeiros poderían quedar a disposición do filial na convocatoria que se coñecerá esta noite.

Na mesma sesión do A tamén estivo Lois, o que podería adiantar o regreso do xuvenil co equipo de Forri que tamén mañá (18,15 en Antas de Ulla) disputa o seu primeiro partido con opcións de pechar o ascenso a Prefrente xuvenil. Lucas Carnero, que xogou co B en Rocas, regresará ao xuvenil.

Co debut de Carnero (quen tamén se estreou co A) xa son 7 os xuvenís que xogaron esta tempada co filial. Iago, Xaco, Carbajales, Penabad, Fabián e Erik foron os outros, ademais de Jorginho -desde o primeiro equipo-, e Lulo, que foi convocado máis non tivo minutos de xogo.

Anda o Antela embarcado en tres saltos -a Preferente sénior, a Primeira Futgal sénior e a Preferente xuvenil-, cada equipo enfocado no seu, mais axudándose cando cómpre. O filial, que hai un mes parecía descartado, ten por diante tres choques definitivos: Coles, Toén e Purísima… e precisa gañar os tres. É o salto máis incerto.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario