A dous pasiños do título

Se gaña mañá en Viana e o xoves ao Loñoá na Moreira, o Antela de Bruno Gómez estará en disposición de conquistar o título de campión e o ascenso directo o domingo 20 contra o Muíños en Xinzo, once meses despois daquel dramático descenso do 19 de maio do 2024, a data na que comezou este camiño de regreso a Preferente.

Martín Caneiro, baixa por lesión contra o Córgomo, regresa á convocatoria, o mesmo que Aarón. Xurxo, Carlos e Jorginho, que hoxe poderían xogar co B ou co xuvenil, tamén están na lista. Anxo Pena e Antón quedaron fóra. Cole é baixa por sanción.

O técnico deberá decidir entre Caneiro e Breixo para ocupar o pivote. Na defensa volve contar con Lois, polo que podería repetir a composición da liña, con Isuardi -a última fichaxe- no lateral antes de regresar ao seu pais. O arxentino xogará mañá e viaxará o mércores como xa tiña previsto antes de obter a alta federativa.

Para o Viana -antepenúltimo e a 5 puntos das prazas de permanencia- o choque é a vida ou morte. Tanto os locais como o Antela estarán pendentes do encontro entre o Polígono e o Loñoá. Moitas das contas que poden botar uns e outros pasan polo resultado dese partido.

O Antela xogará despois entre semana (o xoves) o seu partido aprazado diante do Loñoá. Se suma 6 puntos entre mañá e o xoves, o domingo recibiría na Moreira ao Muíños dependendo só do seu resultado.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario