O filial depende de si propio para alcanzar a promoción

Hai dúas semanas, Iván Gómez dixo que gañando 5 dos 6 partidos en disputa o Antela B amarraría unha das dúas prazas que dan dereito á disputa da promoción de ascenso a Primeira Futgal. O equipo gañou en Rocas (0-1) e onte ao Coles na Moreira (2-0) con tantos de Carrasco e Carlos.

En mes de medio de traballo, o novo adestrador conseguiu recuperar a orde e a ambición do equipo. En catro xornadas (un empate e tres vitorias, só un gol encaixado), Iván Gómez volve ter ao filial en praza de promoción (4º, con dous puntos de vantaxe sobre o Raio21 e catro sobre o Toén, que ten un partido menos).

Así as cousas, o filial depende de si mesmo. Podería incluso alcanzar ao Coles (tres puntos por riba). Con 12 puntos por diante, necesita sumar un máis que o Raio21 e, no peor dos casos, un máis que o Toén, a quen se enfrontará a semana que vén na Habelosa, campo de terra, despois do empate (2-2) na primeira volta sobre o sintético do Fernández Carrera.

O Antela B, no vestiario, antes do xogo contra o Coles.

Co Francelos e o Purísima xa moi distanciados en cabeza, as opcións de ascenso do Antela B pasan por amarrar unha praza que dea acceso á promoción de dúas eliminatorias contra rivais dos grupos de Pontevedra e Vigo, nos que se clasifican tres de cada grupo.

A día de hoxe, no grupo de Pontevedra entrarían no sorteo (dirixido: na primeira ronda non se enfrontarán rivais do mesmo grupo) o Bueu, o Sanxenxo e o Cerpozóns; e no grupo de Vigo, o Mondariz, o Caselas e o Tebra.

A BASE DO ONCE

Iván Gómez deseñou un once no que son fixos Andrés, como porteiro; Javi Pérez, Borja Rubén e Xurxo como defensas; Pío, Carrasco, Pitu e Raúl no medio campo; e Álex Teixeira, na punta. Borja, Pío, Carrasco e o menor dos Teixeira foron titulares nos catro partidos. Cristian e Ojea son o recambio na zaga; David Lamas e Belucho no medio; e Germain, na punta.

O reforzo onte de Carlos como ‘nove’, que xa xogara en xaneiro contra o Francelos, alterou os roles na dianteira, onde ademais Adrián Carreira será baixa por sanción até maio (dúas últimas xornadas).

Co ascenso do xuvenil, Iván Gómez podería recorrer á base para reforzar determinadas liñas. Pablo Carbajales e Lucas Carnero xa xogaron con el no banquiño.

Na próxima xornada, o Francelos podería pechar o ascenso directo en Rocas e o Purísima, dar o penúltimo paso na visita ao Alaricano. En canto aos rivais do Antela B, o Coles recibe ao Arralbado (último clasificado) e o Raio21 ao Cented B.

Carrasco, Borja Rubén, Ojea, Xurxo, Javi Pérez, Andrés. Abaixo: Raúl, Álex Teixeira, Carlos, Pitu e Pío. O once do Antela onte na Moreira diante do Coles. IMAXES: Pablo Losada Cid. Antela F.C.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario