O ascenso tranquilo (ou iso quere o Antela)

A semana do ascenso comezou para o Antela cun adestramento o martes baixo a chuvia e o frío no que participou todo o grupo agás Óliver -lesionado o domingo en Viana e inda pendente de se someter a unha resonancia- e o arxentino Isuardi, que hoxe mércores regresa ao seu pais despois de disputar dous partidos de Liga e con moitas expectativas postas na próxima tempada.

Co grupo estivo Peque, o lateral dereito, recuperado tras máis de dous meses. E tamén Pitu, Xurxo, Raúl… os futbolistas do filial que se foron asentando no primeiro equipo. Tamén Carlos e Jorginho, que a fin de semana reforzaron os equipos de canteira e marcaron.

Houbo tamén sesión do filial, co trío de adestradores encabezado por Iván Gómez, sempre acompañado dos seus papeis, un técnico minucioso que vai cosendo un equipo con posibilidades de alcanzar a promoción de ascenso. O grupo do B traballou estritamente uniformado, exemplo de que se coida cada detalle na procura da cohesión precisa para a final do domingo diante do Toén.

No primeiro equipo o protagonista foi Pedro, tri-goleador en Viana, un fito que non repetía ningún xogador do Antela desde que el mesmo, hai tres anos, anotara un na Liga 2021/22, a do último ascenso. La Región encargou unha foto de Pedro con tres balóns e a reportaxe publicarase mañá: día de partido na Moreira.

O Antela recibirá a partir das cinco ao Loñoá en partido correspondente á 19ª xornada, cando se aprazaron catro xogos polo temporal. Ademais do partido na Moreira (17,00 horas) xogaranse o Viana-Celanova, o Maceda-Cartelle, o Allariz-Melias e o Peroxa-Córgomo.

O Antela necesita ganar para poder celebrar a conquista do título e do ascenso o domingo diante da súa xente na visita do Muíños. Se mañá suma tres puntos, sería campión cunha vitoria máis, e mesmo un empate, en función do que fagan Celanova e Polígono ese día, podería bastar.

No Antela preocupa o estado do campo, con previsión de chuvia e vento para mañá pola tarde. O Loñoá tampouco será un rival cómodo. Inda non asegurou a permanencia e ten ao Viana a 5 puntos, co que debe xogar na penúltima xornada. A Liga volve ao lameiro e Bruno Gómez buscará a fórmula para superar un choque que se parecerá máis aos do Cartelle e o Maceda que ao do Córgomo.

Martín Caneiro está listo para regresar ao once. Sen Isuardi na banda, o adestrador podería utilizar a Cole -que volve tras a súa sanción- ou devolver a Lois ao lateral. Polas súas prestacións e momento físico, Joni e Pedro (tres goles cada un nos últimos dous partidos) parecen fixos na dianteira, mentres a baixa de Óliver abre o abano: Brais, Anxo, Dinís e mesmo Antón terán opcións.

O partido servirá ademais para homenaxear aos xuvenís, que alcanzaron o ascenso a Preferente o sábado pasado. Varios dos xuvenís -ademais de Jorginho- poderán celebrar tamén o domingo o ascenso co primeiro equipo: Penabad xa debutou como titular, tamén se estreou Lucas Carnero, mentres Lulo, Iago e Anxo Calleja participaron en convocatorias.

O Antela tramita a semana máis importante do ano desde a serenidade. O club quere un ascenso tranquilo -omo dalgunha maneira foi o do equipo xuvenil- coa solvencia que dá ter o mellor cadro de futbolistas da categoría (mellorado até en tres ocasións coas incorporacións de Carlos, Brais e Isuardi) e cunha canteira abundante e ben aliñada co proxecto de ascenso.

Faltan dous partidos (no mellor dos casos). Un ascenso rápido que permita adiantar traballo para o reto maior da seguinte campaña.

ANTELA – LOÑOÁ, XOVES 17 DE ABRIL, 17,00 HORAS NA MOREIRA.

AS PREVIAS


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario