Bruno Gómez mantivo a aposta por Breixo como pivote e Lois no centro da defensa e o Antela viviu outra tarde plácida na que goleou ao Loñoá (5-0) camiño do título e do ascenso a Preferente, que poderá amarrar pasado mañá, domingo, si vence ao Muíños.
O Antela, líder desde a sétima xornada de competición, acaba a Liga cómodo, moi evolucionado a respecto do equipo que arrancou a tempada con 9 vitorias e dous empates e rematou a primeira volta con oito puntos de vantaxe sobre o Celanova (que aí segue, a dez).
Onte, contra o Loñoá, os de Bruno Gómez comezaron a tarde aplaudindo o ascenso dos xuvenís e despois abafaron ao rival. Jorginho e Pedro, os que máis ansia tiñan por marcar, fallaron ocasións moi claras. Mais a sorte estivo do lado local nun par de remates e aos vinte minutos o partido parecía decidido tras o gol de Lois.
Antes anotara Joni. O capitán, que adoita a acabar en bo ton as tempadas, leva 5 goles nos últimos seis partidos. Discutirá a honra de máximo anotador con Pedro, que na segunda parte anotou o seu undécimo tanto. Así as cousas, os tres capitáns, que poden estar vivindo os seus últimos partidos coa camiseta do Antela, parecen determinados a sobresaír neste final de Liga.
A outra discusión está na dianteira, onde hai unha loita tremenda para convencer a Bruno Gómez e a afección de que cada un merece unha oportunidade en Preferente. O cadro de xogadores, en xeral, parece varios corpos por riba do que conseguiu o ascenso no 2022 da man de Sabucedo. Na punta, Jorginho e Carlos, estarán xa seguro nas axendas doutros equipos. Antón e Anxo, dúas revelacións esta tempada, e Brais e Dinís, xogadores feitos, melloraron este ano o seu “caché”.
E así -cos capitáns “enchufados”, quizá pensando xa no legado, e os dianteiros desatados- os lobos van de festín en festín (20 goles nos últimos seis partidos) mostrándose cada xogo máis fortes, máis ávidos, máis superiores.
Bruno Gómez construíu a base do que será o equipo da próxima Liga en Preferente, cun bo porteiro, unha defensa sólida (a partir de Breixo e Boán -outra revelación-, con Tiago Teixeira e Cole en permanente crecemento e a promesa de Isuardi). Non todos seguirán á volta do verán, pero o molde está feito.
O moi limiano Antela tamén ten recursos para voar no mediocampo, con Xabi Lamas listo para despegar e unha canteira que seguiu producindo esta campaña futbolistas moi interesantes: Xurxo, Pitu, Pío, Dameá, Calleja… Non todos chegarán a asentarse no primeiro equipo, mais o fondo de armario é amplo ante calquera continxencia.
O Loñoá sufriu a un dos mellores Antelas dos últimos tempos: maduro e ambicioso, con capacidade e intención para xogar un fútbol doutra categoría, mentres os xuvenís e o filial -que segue empeñado no ascenso- completan a mellor tempada da historia.
Case todo son boas noticias no Antela (500 socias e socios, máis de 100 empresas da Limia patrocinadoras, medio cento de futbolistas da casa superando os seus límites). Falta o ramo: o ascenso, que pode chegar este domingo coa copa de campión. Será a sexta vez que o club gañe a Liga na categoría provincial (as anteriores: 1978, 1984, 2002, 2007 e 2022).
Chegou o tempo de metas máis altas?
FICHA TÉCNICA
Antela, 5; Loñoá, 0.
Antela: Bruno Pío (Andrés, 68′), Cole, Lois, Boán, Tiago, Breixo (Caneiro, 59′), Pedro (Dinís, 59′), Joni, Xabi Lamas, Brais Outeiriño (Xurxo, 68′) e Jorginho (Anxo, 62′).
Loñoá: Alberto; Antón, Lucas, Diego, Benji, Guntín, Óscar Bravo (Miguel, 85′), Álex, Hugo (Conde, 55′), Martín e Álvaro.
Goles: 1-0 min. 11: Joni; 2-0 min. 21: Lois; 3-0 min. 57: Xabi Lamas; 4-0 min. 59: Pedro; 5-0 min. 74: Anxo.
Árbitro: Iago Borrajo. Amoestou a Álvaro, do Loñoá.
Incidencias: Máis de 200 espectadores na Moreira. O equipo xuvenil do Antela foi homenaxeado antes do inicio do partido tras conseguir a semana pasada o ascenso a Primeira Futgal Xuvenil.
GALERÍA







OS GOLES
Próximo partido: ANTELA – MUÍÑOS, domingo 20 de abril, 17,00 horas na Moreira. 31ª xornada de Liga no Grupo IV de Primeira Futgal.













