336 días despois

336 días despois daquela derrota na Moreira diante do Choco que precipitou o descenso a Primeira, o Antela pode recuperar mañá (17,00 horas) no mesmo escenario e diante do Muíños unha praza na segunda categoría do fútbol galego. Chega o equipo de Bruno Gómez na mellor dinámica da tempada: doce partidos sen perder, sete sen encaixar, cunha media goleadora de 2,2 tantos por partido e unha vantaxe tranquilizadora: dez puntos sobre o Celanova e once sobre o Polígono.

Do once titular aquela tarde do 19 de maio seguen no cadro de xogadores Cole, Breixo, Pedro Castro, Joni, Peque e Tiago Teixeira. Dos seis, Peque está en proceso de recuperación inda que xa se adestrou esta semana. Lois, en función das súas responsabilidades laborais, e Carlos, que podería reforzar ao filial no partido clave de Toén, son as outras dúbidas á hora de elaborar a convocatoria. Óliver, lesionado, é baixa. Tampouco estarán outros dous futbolistas que disputaron o encontro co Choco: Álex Teixeira, que irá co filial a Toén; e Izán, recén ascendido co xuvenil, que segue lesionado.

Hai tranquilidade no Antela, como subliñou Bruno Gómez, o adestrador, tras a goleada do xoves ao Loñoá. O título e o ascenso están case na man. Pero non caben excesos de confianza, o Muíños -que tanto se resistiu no partido de ida- visita Xinzo coa necesidade de sumar para manterse na loita polas prazas de promoción: está a catro puntos do Polígono e a cinco do Celanova, con catro xornadas por diante.

Os de Suso (trece partidos esta tempada), Sergi (máximo anotador con 9 goles) e Juáncar (máis de 2.700 minutos) levan 9 partidos sen perder, e nese lapso sumaron os mesmos puntos que o Antela (19) e encaixaron un gol menos: 3. No Muíños, a novidade será Varandela, que volve despois dun partido de sanción. O Muíños vén de dar dúas mostras de carácter na última semana: o domingo pasado gañou ao Cartelle sobre a terra de Sande con goles de Juáncar e Mario nos últimos minutos (1-2), e o xoves venceu ao Córgomo (Sergi marcou no primeiro minuto, 3-1).

Avisados do Muíños, no Antela adestradores e técnicos prefiren manter un perfil baixo, e, tendo en conta as datas, no club non hai previsión de grandes festexos ante un posíbel ascenso polo que se leva traballado desde hai un ano. Se chega, o ascenso de mañá na Moreira será un acontecemento notábel (o sexto título de Primeira, ademais), alegre, pero esperado desde hai 336 días.

Xa é equipo de Preferente o Puebla F.C., da Pobra do Caramiñal (A Coruña), e poderíao conseguir tamén este domingo o Tyde F.C., de Tui (Pontevedra).

AS PREVIAS


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario