A catro xornadas para o final, o Antela B está vivo na loita por unha praza na promoción de ascenso a Primeira Futgal. Ademais, depende de si propio na competencia co Toén e co Raio21. Se gaña os catro partidos que restan, estará na promoción. Se gaña mañá o enfrontamento co Toén (na Habelosa, a partir das 17 horas, á mesma hora que o primeiro equipo se xoga o ascenso en Xinzo) terá dado un salto importante. Son máis que tres puntos: está a posibilidade de descartar case definitivamente un dos dous rivais.
Iván Gómez, o adestrador co que o Antela B sumou os últimos dez puntos (un empate e tres vitorias), programou unha sesión suave o xoves, ao remate do partido do Antela co Loñoá. Non participou Manu (lesionado) e baixa para mañá con Carreira (sancionado). Raúl e Álex Teixeira, con dificultades en semanas anteriores, adestráronse con normalidade. O bo ambiente presidiu o adestramento. O equipo medra e medra a confianza dos xogadores. E máis se finalmente Carlos, dianteiro do primeiro equipo con ficha do filial, pode reforzar o ataque. Carlos xogou e foi decisivo en dous partidos clave: contra o Francelos -agora líder destacado- e a semana pasada contra o Coles, anotando o segundo gol. Sen Carreira, Álex e Germain son as alternativas como parella de Carlos.
“O Toén leva anos co mesmo adestrador e ten un grupo ben cohesionado. O campo, se chove moito, pode estar complicado. Sabemos o que nos xogamos e imos con moitas ganas”, explicou Iván Gómez antes do adestramento do martes, cando o Toén tiña pendente inda o partido co Caldelao, que gañou o xoves para colocarse a só 1 punto do Antela, a 2 puntos segue o Raio21. “Estamos competindo ben, chegamos con sensacións moi boas”, asegurou o técnico dos limianos.
“Imos a polo partido”, proclama Iván Gómez. “Temos unha situación privilexiada e podemos dar un paso de xigante”. O filial estará pendente ademais do encontro do Raio21, que recibe ao Cented, pero tamén do ascenso do A, que Carlos e tamén Andrés, Álex, Pitu, Raúl e Felipe -pendentes das convocatorias- celebrarían en Toén, loitando por outro éxito.

Convocatoria











