O Antela volve ser equipo de Preferente 336 días despois daquel trago amargo diante do Choco. Malia o descenso, ou quizás grazas a el, o Antela é hoxe un proxecto máis consciente, mellor elaborado, máis sólido e ambicioso. E sobre todo porque a canteira medrou.
Pasou un ano por futbolistas da casa que hoxe son xa xogadores maduros e están máis comprometidos cun modelo de club. O fútbol limiano, esa “veta” que busca a afección, quere existir, revelarse. Ese potencial é o alento para encarar o futuro.
O cadro de futbolistas e o cadro técnico demostraron durante estes nove meses de competición que saben convivir coa presión da máxima esixencia. Todos e cada un creceron deportivamente durante o proceso. E o equipo acabou despregando sobre o campo o seu mellor fútbol para gañar o sexto título na Liga provincial (o segundo en catro anos).

A tres semanas para rematar a tempada, o Antela alcanzou o obxectivo con solvencia. Os números son rotundos: 22 vitorias (só dúas derrotas, invicto na Moreira), 72 goles a favor, apenas 19 en contra, doce xornadas sen perder neste final de Liga.
Xunto aos capitáns (Joni, Breixo e Pedro), que están acabando a Liga no seu nivel máis alto, Bruno Pío, Álex Boán e Jorginho aparecen como as fichaxes máis rendíbeis do ano. Sobre esa base e o gran traballo de Caneiro e Lois, a calidade de Óliver, Dinís, Brais e Isuardi, máis as confirmacións Andrés, Tiago, Peque, Aarón, Xabi e Cole, e as revelacións de Antón, Anxo e Carlos -entre os homes da canteira-, o Antela navegou con certa suficiencia polas augas axitadas de xaneiro e febreiro.
Xurxo, Pitu, Raúl, Felipe, Álex, Penabad e Carnero empezaron a aparecer en recoñecemento do seu traballo e calidades. Iago e Lulo, porteiros do xuvenil, e Anxo Calleja tiveron a súa primeira experiencia nas convocatorias. E na relación non podían faltar Cacharrón, Borja Carballo e Hugo Pérez, eles tamén protagonistas do ascenso co seu traballo antes de deixar o club buscando novas oportunidades.
O cadro de xogadores foi considerado polos rivais o mellor no inicio da tempada, e acabou confirmando aquelas opinións. Ao mando, Bruno Gómez, que desde o principio (un arranque forte sen derrotas nas once primeiras xornadas) e, especialmente nos momentos difíciles (unha derrota e cinco empates nos once partidos entre xaneiro e marzo), mantivo a calma e un control sereno do vestiario. Bruno Gómez construiu un equipo mentres gobernaba a Liga e respondía a unha das demandas da directiva cando foi contratado: seguir apostando pola canteira. O resultado parece unha base sólida de cara ao futuro.



















