Todo o gol que se lle negou ao Antela durante dous terzos da Liga agromou neste último tramo de competición no que a dianteira rompeu a xogar e a defensa, empezando por Bruno Pío, asentouse co paso de Breixo ao pivote e a aparición de Lois como central.
Onte, no partido que debía selar o ascenso, o máis complicado no sprint final, o Antela xogou serio e ordenado ao redor de Breixo e Xabi Lamas, e profundo con Pedro, Brais, Jorginho e Joni, catro que acaban a Liga como titulares na liña máis competida do equipo.
O Muíños arrancou mellor, coas ideas claras a partir de Chery e coas costas ben cubertas baixo o mando de Suso e Juáncar. A tempada dos da Baixa Limia é excelente, aguantaron o ritmo da cabeza até o final e foron, xunto co Córgomo, a revelación. Mais todo é vento de cola para o Antela, que anotou na primeira chegada clara, cun centro de Brais que regalou outro gol a Xabi Lamas. Non pasaran dez minutos e A Moreira, espléndida na mellor entrada do ano, empezaba a degustar o ascenso.
O Antela dominou o choque como a Liga, de principio a fin. E a xente gozou como leva gozando o último mes. Xabi Lamas e Breixo pecharon as portas no medio campo e estiveron áxiles para iniciar a ofensiva. Arriba, os lobos morderon constantemente á defensa visitante, que pasou a tarde ao borde dun ataque de nervios. Suso, tan grande como nas súas mellores tardes na Moreira, detivo un tras outro a chuvia de disparos, e onde non alcanzou apareceron os paus.
Na segunda parte, Pedro resolveu pronto o partido. E o demais foi cousa de paciencia e concentración defensiva, con Cole, Boán, Lois e Tiago eficaces e sen alardes. A única vez que se abriu o muro apareceu Bruno, cunha parada felina a un chut durísimo. O Antela leva oito partidos sen encaixar, e nese mesmo tramo anotou 24 goles.
A tarde rematou con premio para Anxo Pena e Raúl Dinís, autores dos dous últimos tantos, coas reaparicións de Peque e Antón, coa ovación para Joni, Pedro e Jorginho nos cambios. Co equipo celebrando no campo coas familias e xente do club. Óliver abrazado por todos. Bruno Pío vestido coas cores portuguesas. Breixo e Joni, os máis tranquilos e moi felices. “Co tempo darémoslle o valor que ten a esta Liga e a forma na que a conquistamos”, comentaba o ’18, o capitán-pantalla antes de que os máis mozos o mantearan. “Joni quédate!”, cantaban os compañeiros. Os referentes nunca se van.
Tamén discreto, Bruno Gómez, o adestrador, festexou cos seus. Traballo feito. O Antela acabou xogando ao que el quería, chegou á meta por camiños inesperados, sufrindo e aprendendo, xestionando un cadro de xogadores moi amplo e a esixencia de vencer sempre.
O Antela está xa na división que corresponde á súa categoría como club por futbolistas, canteira, técnicos e instalacións. Mais sabe que para se establecer na Preferente, cómpre que todos os estamentos suban un chanzo.
FICHA TÉCNICA
Antela, 4; Muíños, 0.
Antela: Bruno Pío, Cole, Boán, Lois, Tiago Teixeira (Peque, 83′), Breixo, Xabi Lamas, Jorginho (Anxo Pena, 58′), Pedro (Antón, 83′), Brais Outeirño (Carlos, 69′) e Joni (Raúl Dinís, 83′).
Muíños: Suso; López Madrid (Jaime, 59′), Juáncar, Rubén Lamelas (Soto, 83′), Sergi, Guille, Yago, Borja Jesús (David Pena, 59′), Toni, Kevin (Varandela, 59′) e Chery (Dani, 83′).
Goles: Goles: 1-0 min. 8: Xabi Lamas; 2-0 min. 46: Pedro; 3-0 min. 78: Anxo; 4-0 min. 85: Dinís.
Árbitro: Fabio Crespo, colexio lucense. Amarelas aos locais Brais Outeiriño, Tiego Teixeira e Bruno Gómez; e a Rubén Lamelas, Chery e Suso, polos visitantes.
Incidencias: Algo máis de 400 espectadores na Moreira, na mellor entrada da tempada.
GALERÍA











PRÓXIMO PARTIDO: Seixalbo -Antela, domingo 26 de abril. 32ª xornada de Primeira Futgal.




















