Izan (5 partidos, 2 goles nesta fase de ascenso) está preparado para regresar. Se a alta federativa chega a tempo, mañá será titular diante do Barbadás nun partido sen máis trascendencia que a loita por un honorífico subcampionato do Grupo III da Primeira xuvenil (son poucas as opcións de alcanzar ao líder Estrada). Izan rompeuse no partido na Moreira contra o Antas o 8 de febreiro, e regresou mes e medio despois en Verín: só aguantou 5 minutos sobre o campo. Logo de seis semanas volve a estar a disposición de Forri.
Sen Amine inda lesionado e con Iago minguado por molestias, Forri comporá un once coa idea de “ir repartindo minutos” entre todo o cadro de futbolistas. Ademais, tratará de conservar aos que poden ser chamados polo filial. Penabad e Lucas Carnero son candidatos a reforzar a defensa do B no choque decisivo de pola tarde.

Na xornada, a atención estará en Verín, onde os locais reciben ao Estrada, e en Antas, a quen rende visita o Residencia. O Verín está un punto por baixo do Residencia, que ocupa a cuarta praza, a última de ascenso directo. “Espero que o Verín consiga o ascenso”, apuntou Hugo Penabade, capitán do xuvenil, esta semana no programa de televisión Palco Vip (Telemiño), onde foi convidado xunto a Amine e Codes tras o ascenso. Se o Verín é quen de frear ao líder e o Antela (24 puntos) vence ao Barbadás, os de Forri inda terían opcións de chegar a disputar o campionato contra os pontevedreses (30 puntos) nos últimos dous partidos.



















