O Antela B, ante o seu (primeiro) partido do ano

“Foi un partido de moito choque, moita disputa… os rapaces entenderon ben o que necesitabamos e en dúas contras puxémonos por diante [goles de Álex Teixeira e Raúl]. Eles son un rival complicado, que nos meteu na área até o empate [2-2, minuto 75] e despois xa foi un partido de ida e volta que tiñamos gañado no 92 e empatamos nunha mala acción defensiva”, resume Iván Gómez, adestrador do Antela B, o empate do filial en Toén (3-3).

O punto -xunto a derrota do Raio21- permite aos limianos manterse na cuarta praza do Grupo ourensán de Segunda Futgal que dá dereito á disputa da promoción de ascenso. Faltan tres xornadas e o Antela B depende de si propio: leva 1 punto sobre o Toén e 3 sobre o Raio21.

Este sábado (17,00 horas), na Moreira, os de Iván Gómez teñen o partido máis difícil do que vai de Liga. Reciben ao Purísima, segundo clasificado, que busca asegurar o ascenso directo na disputa co Coles. Mentres, os seus rivais xogarán partidos en teoría máis sinxelos: o Toén visita ao Arrabaldo, xa descendido, e o Raio21 ao Rúa, fóra xa de perigro inda pendente de posíbeis arrastres.

Iván Gómez, esta semana na Moreira.

Iván Gómez non poderá contar con Carreira (por sanción) e Manu e Felipe (lesionados). Germain tamén está mancado e podería haber baixas tamén na defensa. Até a sesión de mañá non definirá a convocatoria, na que poderían entrar até tres futbolistas do primeiro equipo: Andrés (porteiro) e Carlos (dianteiro), que xa xogaron contra o Coles hai dúas semanas, e Jorginho (dianteiro), que participou nos ascensos do primeiro equipo e do xuvenil.

Do rival, Gómez advirte que se trata dun equipo “moi novo, coma o noso, pero que levan anos xogando xuntos”, e subliña que o Purísima vén a Xinzo con moitas opcións de conseguir o ascenso directo. “Máis o partido é na Moreira e ten que ser noso”, conclúe. A respecto dos reforzos do primeiro equipo, afirma: “Se veñen, benvidos, pero se non, temos equipo suficiente para gañar”. E pide a afección do Antela que acoda o sábado á Moreira: “Vai ser un partido bonito, e hai que facer do estadio unha caldeira”.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario