O noso Maracaná limiano, A Moreira, acolle esta tarde (17,00) outro partido grande para o Antela. O filial xógase gran parte das súas opcións de alcanzar unha praza na promoción a Primeira diante do Purísima, que vén con aspiracións a gañar a Liga e obter o ascenso directo. Enfróntanse o cuarto (os locais) e o segundo clasificado (os visitantes) nunha competencia moi igualada, con cinco equipos na pelexa.
A vantaxe do Purísima é que xa se asegurou cando menos a promoción. Deberá medir a súa ambición, ten ao líder, o Francelos (tamén coa promoción asegurada), a 1 punto a falta de tres partidos; mais tamén ten ao Coles a só 4 puntos por detrás e con posibilidades de lle roubar a praza de ascenso directo. O Francelos recibirá mañá ao Coles.
A vantaxe do Antela B é que nin no mellor dos soños do club se chegaba a esta altura da tempada cos obxectivos cumpridos (a permanencia e un bo número de xogadores rotando co primeiro equipo, ademais de ter concedido varias oportunidades aos xuvenís). O filial reviviu despois da crise de febreiro e marzo coa chegada de Iván Gómez -cos seus colaboradores- á dirección do equipo.
Empezara a segunda volta en xaneiro superando ao Francelos no sintético e deixando claro que as súas aspiracións mudaran. Aquel partido xogouno Carlos, que podería ser unha baza esta tarde. Despois chegou a serie de dúas derrotas e dous empates en catro partidos. A saída de Marcos Ruído. A semana que adestrou Forri e dirixiu Bruno Gómez para o empate na casa co Cortegada á espera do novo técnico.
E con Iván Gómez, o equipo máis centrado no traballo diario e un plan moi definido, volveu o Antela B a se meter nas prazas de promoción e a depender de si propio. Até hoxe. Día clave. Día de saber se o soño pode continuar até unhas eliminatorias que agora mesmo non aparecen no mapa do tesouro. O tesouro son os 3 puntos desta tarde no noso Maracaná limiano (desculpen a hipérbole). Os soños neste prado fanse ás veces realidade: 3 puntos hoxe, tres ascensos este ano?
Nas botas e nos corazóns do Javi Pérez, do Pío, do Carrasco, do Belucho, do David Lamas, do Álex Teixeira, dos Raúl, Pitu e Xurxo que mañá irán convocados co A, o club quere prolongar o soño que nunca soñou. Hai vento de cola. Iván Gómez pide facer da Moreira unha caldeira. A afección quere máis festa e hoxe volverá estar cuns mozos que a base de moito traballo e bastantes sacrificios colocaron a un equipo que saía para amarrar a permanencia ás portas de loitar polo ascenso.



















