Onte, no local da asociación veciñal, o Seixalbo Club Deportivo celebrou una asemblea para “informar das xestións a respecto da mellora das instalacións do Carqueixal” na véspera do partido contra o Antela (hoxe, 16,30 horas). “Pensamos que son horas de dar un cambio, Seixalbo enteiro merece unhas instalacións acordes os tempos, e entre todos poñer da nosa parte para facelo posible. Xuntos farémolo posible, o campo de herba ten que ser unha realidade”, expresou a directiva do club nas redes sociais esta semana. O Seixalbo é un club que se levantou coas mans dos veciños e non pode ter mellores cimentos. Descendeu de categoría, mais ten un proxecto.
O Carqueixal será o último campo de terra que visite o Antela está tempada. Pode que a última vez que visite ao Seixalbo (haberá outras) sobre campo de terra. O fútbol medra e mellora desde abaxio cando hai vontade nos clubs por moi modestos que sexamos. O Seixalbo e o Antela despídense agora da Primeira, cada un coa súa bagaxe e con plans e soños moi parecidos. Oxalá que o Carqueixal se cubra pronto de verde e empezaremos a sentir nostalxia da terra… mais o fútbol avanza.
O partido é un trámite e unha oportunidade para se animar uns aos outros de cara ás súas respectivas travesías. Hai un ano o Antela choraba e o Seixalbo celebraba. Así son as cousas. Mais o Seixalbo xa non chora, desexa e soña. Así arrancou o Antela a dor daquel domingo de maio en Velle.

Pechada a ferida e amarrado outro título, Bruno Gómez utilizará estes últimos tres partidos para ir repartindo minutos. Aarón, Raúl e Pitu volven á convocatoria, na que segue por méritos propios Xurxo. Óliver continúa lesionado, e Peque tampouco estará tras xogar uns minutos o domingo despois de máis de dous meses sen se vestir de curto. Causan baixa na lista Raúl Dinís, Carlos e Lois, que xogaron a bo nivel o día do ascenso diante do Muíños. Así as cousas, 13 dos convocados (Pedro entre eles) para esta última saída dos lobos sobre a terra son limianos.
O Antela buscará incentivos nos números. Van oito partidos sen encaixar. Van 31 goles como visitante (nesta estatística hai empate co Polígono). Van 10 vitorias fóra (as mesmas que leva o Monterrei). Van 72 goles na tempada (84 leva o Dumbría no Grupo II; 78 leva o Puebla, campión do Grupo V, e outros tres equipos máis superan aos limianos). Van 19 tantos en contra (igual que o Cordeiro, segundo no Grupo V).
Sobre terra, os lobos gañaron en Cartelle (gol de Breixo no desconto á saída dun córner). O Cartelle tamén descendeu. En Cartelle xa traballan no futuro campo de herba. Precisamente o de Breixo foi o último gol sobre a terra do Pau Rañado. Nostalxia da terra? Si, xa empezamos a sentila, mais o fútbol evoluciona.













