No Carqueixal, o domingo, antes do apagamento que impediu redactar e publicar esta crónica o luns, o Antela obtivo unha vitoria case por inercia, a 23ª do curso, para superar o récord de puntos nunha tempada en Primeira (os 73 do ano 2007) e mellorar tamén o rexistro histórico de vitorias (22, tamén daquel ano). Non foi un triunfo fácil, o Seixalbo resistiuse diante do líder despois de honralo como campión e freou en certa medida a racha goleadora dos de Bruno Gómez.
David Figueiredo, o máximo goleador do filial do Antela a pasada tempada, foi o home do partido con dous goles (suma 13 nesta Liga). Grazas ao seu acerto -marcou xusto antes do descanso e á volta de vestiarios en dúas acción de ‘nove’-, o Seixalbo mantívose no partido até o final. Por uns minutos, os locais tiveron ao líder contra as cordas.
Mais volveu a aparecer Breixo, que levaba uns partidos sen sorte no remate na área. O domingo desviou un balón a media altura á saída dun córner e equilibrou o resultado. Faltaba media hora e, en medio da calor, a condición física do Antela impúxose. Apareceron no partido Xabi, Raúl e Pitu. Jorginho aproveitou outro saque de esquina para facer de cabeza o seu décimo gol en Primeira.
O Antela baixou a media de goles do último mes e medio, mais inda así ten a tiro outro récord: o de tantos anotados nunha mesma tempada en Primeira, 80, a cifra que os limianos alcanzaron na 2017/18, rematando a Liga segundos e con outro ascenso. A pouco que se apliquen nos dous próximos partidos (Monterrei e Allariz), os de Bruno Gómez farán desta unha tempada de números históricos.
Non todo foron boas noticias, Aarón Blanco, que loitou durante toda a tempada para se asentar no primeiro equipo, tivo a desgraza dunha lesión. Saíu do campo no minuto 20.

FICHA TÉCNICA
Seixalbo, 2; Antela, 3.
Seixalbo: Outeiriño, Miguel, David Figueiredo (Caballero, 83′), Adrián, Diogo (Ortega, 80′), Añel, Edgar Pérez, Prado (Lucas, 80′), Pablo, Javier (Martín, 70′) e Saúl.
Antela: Andrés, Caneiro (Xabi Lamas, 73′), Tiago, Cole (Raúl, 83′), Breixo, Pedro (Pitu, 83), Joni, Anxo, Aarón (Jorginho, 20′), Boán e Antón (Brais, 46′).
Goles: 0-1, min. 32: Anxo; 1-1, min. 46 : Figueiredo; 1-2, min. 52: Figueiredo; 2-2, min. 70: Breixo; 2-3, min. 83: Jorginho.
Árbitro: Xoel Pintos. Amoestou a Outeiriño e Añel polos locais. Sen tarxetas para o Antela.
Incidencias: O cadro local honrou cun corredor aos campións na saída de vestiarios.
PRÓXIMO PARTIDO: ANTELA-MONTERREI, domingo 4 de maio. 33ª xornada de Liga.




















