Burela e Tyde poden saír campións; Victoria e Dumbría, os outros favoritos

O Puebla, no Grupo V, é xunto co Antela (Grupo IV) o único campión na Primeira Futgal. Esta fin de semana poderían sumarse dous históricos: o Burela, líder do Grupo III, que necesita un punto en Chantada; e o Tyde, no Grupo VI, gañará a Liga se empata co Mos (ou gaña).

Así están as loitas polo título e os ascensos nos diferentes grupos (seis) de Primeira Futgal a dúas xornadas do final:

Grupo I (A Coruña-Ferrol). O Victoria alcanzou o liderado tras superar ao Ural (1-4) no partido da pasada fin de semana no campo da Grela [na foto do cabeceiro, do diario DXTCampeón]. Os branquinegros do barrio coruñés de Santa Lucía levan 3 puntos de vantaxe sobre o Maniños de Fene, co que teñen perdido o ‘golaverage’. Se gañan ao Orillamar noutro derbi local e os ferrolanos tropezan ante un Cedeira que se xoga a permanencia, poden ser campións. Se non, o título se decidiría na última xornada. E aí o Vitoria terá outro rival complicado.

Na loita pola segunda e terceira praza (postos de promoción), o Maniños (60) leva dous puntos sobre o Olímpico de Culleredo (que o venceu a pasada semana) e sobre o Orillamar (58).

O Vitoria debutou en Preferente na tempada 2020/21 e descendeu o ano pasado. O Maniños nunca alcanzou a Preferente.

Grupo II (A Costa-Santiago). O Dumbría vai lanzado, suma 76 puntos, nove triunfos consecutivos e 3 puntos máis que o Carral (73) -co que ten o ‘golaverage’ en contra- e o Club do Mar de Caión (A Laracha). Ten por diante dous partidos ante rivais que xa non se xogan nada, mentres que o Carral e o Club do Mar enfróntanse esta semana.

Ambos teñen a tiro as prazas de promoción. O Boimorto, cuarto, está 5 puntos por detrás. Así que este domingo podería quedar todo decidido se hai empate no Municipal da Laracha.

Grupo III (Lugo). O Burela estivo 23 tempadas entre Preferente e Terceira entre principios dos anos oitenta e finais da década dos anos dez. Os da Marosa poderían regresar a Preferente 17 anos despois. Necesitan puntuar en Chantada esta fin de semana para evitar un partido a todo ou nada na xornada final contra o Residencia de Lugo, ao que avantaxan en 6 puntos.

Mais o Chantada (cuarto) inda ten opcións de promoción na loita cos capitalinos e co Castro de Rei. O Residencia tampouco se pode fíar pois podería quedar fóra da promoción, e debe gañar ao Santaballés, que non se xoga nada, para asegurarse unha das dúas prazas.

Imaxe do Polígono-Celanova do pasado decembro (2-0).

Grupo IV (Ourense). Campión o Antela, o Celanova-Polígono de esta fin de semana aclarará moito as cousas na loita pola segunda e a terceira praza. O Polígono chega con 65 puntos, dous máis que o Celanova (63); mentres o Monterrei (60) -que levaba dez vitorias seguidas antes de perder co Muíños- recibe ao Antela coa obriga de ganar para continuar na loita. O Muíños (58) precisa gañar ao Maside e que os resultados o favorezan.

Grupo V (Pontevedra). Co Puebla campión no seu regreso a Preferente tres anos despois, o Cordeiro de Valga ten amarrado o subcampionato e unha praza na promoción. O Unión de Rianxo suma tres puntos máis que o Vilaboa e ademais ten o ‘golaverage’ a favor. Así que se gaña na visita do campión a Rianxo tamén estará na promoción.

Grupo VI (Vigo). O Tyde, un clásico da Terceira División nos oitenta, será campión se puntúa na visita do Mos. Leva 6 puntos de vantaxe sobre Alertanavia, pero deberá visitar Coia na xornada final. Os vigueses amarrarán a segunda praza se gañan en Tomiño. E o Gondomar (a 4 puntos do Alertanavia) tería asegurada a terceira se puntúa en Salceda contra o Caselas. As opcións do cuarto, o Sporting Guardés, son poucas.

Este ano, a promoción, que implica a 12 equipos, resolverase nunha eliminatoria (6 ascensos) na que se poden cruzar segundos e terceiros de calquera dos grupos.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario