Óliver, oito meses sen fútbol

Óliver Fernández Sobrino, 28 anos, 27 partidos, 1.800 minutos, 7 goles, o compás do Antela durante toda unha tempada, rompeuse o domingo 13 de abril no minuto 25 do partido en Viana. Abandonou o campo en ambulancia. Esperou durante un par de semanas. Tivo tempo de presenciar na Moreira a vitoria do seu equipo diante do Loñoá e celebrar o título tras o triunfo fronte ao Muíños. Óliver coñeceu hoxe o alcance da súa lesión no xeonllo dereito. A diagnose é mala: ten afectado o ligamento cruzado anterior e o menisco exterior. Na primeira valoración, o tempo de recuperación estimado é de oito meses. É dicir, podería estar de volta nos terreos de xogo a comezos do ano que vén. Un mundo visto desde agora.

Bruno Gómez, o adestrador do primeiro equipo, foi encargado de dar a noticia. “Moito ánimo, Óli!”, desexoulle ao futbolista que chegou da súa man este ano ao Antela.

Óliver, formado no Pabellón, pasou polo Barbadás co que chegou a debutar en Terceira, despois estivo seis tempadas no Nogueira, onde xogou en Preferente con Bruno Gómez no banco. A súa fichaxe espertou en verán grandes expectativas na Moreira. Foi asentándose até realizar un dos seus mellores partidos antes do Nadal, precisamente diante do Viana (dous goles aquela tarde). Titular indiscutíbel, Bruno colocouno case sempre como interior esquerdo. Volvera a progresar na segunda volta e estaba a gozar co xogo ofensivo no mellor momento do equipo a partir do choque na Peroxa. En Viana, un mal apoio, acabou de maneira precipitada coa súa tempada.

Moita forza, Óliver. Volve pronto!

O once, coa camiseta de Óliver, o día do partido co Loñoá.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario