Borja Rubén, na defensa, e Adrián Carreira, na dianteira, volven a estar a disposición de Iván Gómez, que busca unha nova vitoria na Moreira, a décimo sétima da Liga, para prolongar a tempada un pouco máis coa disputa dunha promoción de ascenso que parece moi, moi próxima. Se o Antela gaña este sábado ao Raio Alaricano en Xinzo, estará moito avanzado. E, mentres, o Toén non pode fallar.
Borja Rubén e Carreira están de volta, pero hai máis. O adestrador confirmou que contará de novo con Jorginho e Carlos, goleadores co primeiro equipo. Malia a baixa de Germain por segunda semana consecutiva, na dianteira parece haber pólvora dabondo (Teixeira, dous goles hai unha semana).
Tamén están a disposición do adestrador -e onte xa traballaron co resto do equipo (nun lateral da Moreira para coidar o prado de cara ao partido)- os defensas do xuvenil Hugo Penabad e Lucas Carnero, que teñen a confianza absoluta de Iván Gómez e o seu cadro técnico. Ademais de Germain, seguen lesionados Manu e Felipe.


O Antela B gañou na primeira volta en Allariz (1-4) con goles de Carreira, Belucho, Xurxo e Felipe. Ademais chega cunha serie de sete partidos sen perder e dependendo de si propio para alcanzar a promoción. O Raio Alaricano, sen nada en xogo, vén de gañar en Lobios despois de catro derrotas anteriores. Esa serie negativa non impediu que teña conseguido a permanencia con certa solvencia.
Se o Antela B vence e o Toén non consegue superar ao Francelos (que se está xogando o título e o ascenso directo), os de Iván Gómez asegurarían a cuarta praza e a promoción: un par de semanas máis de competición, polo menos, na primeira das eliminatorias polo ascenso a Primeira.



















