Sen Aarón nin Óliver, lesionados; sen Peque, que se adestra mais inda segue en fase de recuperación; sen Raúl Dinís e con Isuardi seguindo o final da Liga desde a Arxentina, o Antela de Bruno Gómez visita mañá (17,30 horas) ao veciño máis próximo o Monterrei, que se xoga moitas das posibilidades de se meter na promoción no partido contra o campión mentres atende ao que pase no Sporting Celanova-Polígono.
Na lista de Bruno Gómez aparecen Izan e Anxo Calleja, o ‘dez’ e o ‘sete’ do equipo xuvenil. Un premio e un convite a participar a tempada que vén na aventura en Preferente. Tamén están Breixo e Pedro, “as mellores fichaxes da historia do Antela” (segundo o capitán Joni), quen camiño da súa despedida renden visita ao club no que se formaron antes de chegar á Moreira. O mesmo traxecto que seguiu Bruno Gómez, o adestrador.
“Foron dous anos bos, sobre todo o primeiro. Agora, o Monterrei está facendo méritos, mais penso que meterán o Celanova e o Polígono”, volveu repetir esta semana. O Antela, ademais dos capitáns e dos xuvenís, acudirá con todo: cun Anxo en plan goleador, cun Antón con gañas de recuperar sensacións, coa defensa consolidada a partir de Lois e Boán (outro que pasou polo Monterrei) e con Cole e Tiago por fin cómodos e determinantes, con Xabi ben asentado…
No club, ascendidos o primeiro equipo e o xuvenil, a atención está no filial. Están convocados Andrés e Jorginho, que esta tarde xogaron diante do Raio Alaricano (o meta, os 90 minutos; o dianteiro, 63 minutos); mais non Carlos, centrado en reforzar o equipo B.
O Monterrei viña nunha serie espectacular de 10 vitorias consecutivas -a mellor da Liga- e parecía tan imparábel como o Polígono –os dous mellores equipos da segunda volta por diante do Antela– até que tropezou co Muíños, que lle remontou un 2-0 a semana pasada. A derrota deixa a Polígono (65 puntos) e Celanova (63) cunha vantaxe sobre o Monterrei (60) que pode ser insalvábel se non vence ao Antela.
Na primeira volta, en decembro pasado, o Antela tivo que sufrir máis do que indica o resultado (4-1) para superar ao Monterrei na Moreira nun choque no que destacaron o central Antonio Teixeira e o extremo Zacharia Ngom, que seguen sendo os referentes no rival malia a chegada de varios reforzos.
Convocatoria




















