As noticias no xuvenil, que disputa esta tarde en Sarria o seu último partido como visitante da tempada, están nas convocatorias do primeiro equipo e do filial. Hugo Penabad e Lucas Carnero xogarán esta tarde co filial na Moreira, no camiño da promoción a Primeira. Anxo Calleja e Izan porán o ramo a excelente campaña do xuvenil xogando mañá co primeiro equipo en Monterrei.
Izan -que xa debutou en Preferente nas dúas tempadas de Sabucedo- é o sexto xogador do cadro de Forri que entra nunha convocatoria nesta Liga. En realidade, estivo convocado para o partido contra o Loñoá do 26 de xaneiro que se adiou polo temporal. Despois, Izan lesionouse.
Izan e Anxo Calleja -que participou en dúas convocatorias, mais inda non debutou co A- estarán hoxe, 17,00 horas, co xuvenil en Sarria. Forri deixou fóra a dous habituais, Dameá e Fabián, ademais de Penabad e Carnero. Regresa despois de máis dun mes de lesión, Diego Lulo, mentres Iago, titular na portería nas últimas citas, non se adestrou onte pero viaxará.
A lista complétana Richi, Carba, Codes, Lucas Martínez, David, Erik, Fiz, Dennis, Pablo Novoa, Cerredelo, Lois, Hugo Cerdeiro e Diego Capi.
O Sarriana, sexto clasificado con 13 puntos, está un punto por baixo do Verín (quinto) e a 5 do Residencia (que ocupa a cuarta praza, a última de ascenso directo). O Verín recibe hoxe ao Residencia. Inda perdendo na Granxa, os lucenses poderían amarrar a quinta praza gañando na casa na última xornada.
A quinta praza neste Grupo III pode que non alcance para competir cos outros quintos nos grupos I, II e IV, que estarán por riba dos 50 puntos (tendo disputado ao final dous partidos máis). O Verín sumou 21 puntos na primeira fase e podería chegar aos 20 nesta segunda; é dicir, 41 puntos. O Sarriana podería chegar a 45 puntos en total.
O Antela saltará ao campo coñecendo o resultado do Estrada-Purísima. Aos locais válelles un empate para se proclamar campións antes de visitar Xinzo. Aos de Forri tamén lles cómpre un punto para asegurar o subcampionato.



















