A hora do Antela B

Agora, o filial. Coa promoción a tiro -basta con empatar en Santa Cruz diante do Arrabaldo, que leva 23 derrotas consecutivas-, o equipo de Iván Gómez bota contas antes de afrontar a primeira eliminatoria. Se vence ao Arrabaldo rematará a Liga na terceira praza, e cruzaríase cun cuarto ou un quinto dos grupos de Pontevedra (hoxe, Monteporreiro e Sanxenxo, inda que na disputa hai outros dous implicados) e Vigo (aquí o Mondariz é 4º pero calquera dos tres primeiros podería ficar nesa posición, e o San Miguel é 5º mais hai outros tres aspirantes).

Se Antela B remata 3º, xogaría o partido de ida como visitante (a fin de semana do 17 e 18 de maio) e a volta, unha semana despois, como local. De superar esa ronda, o filial tería que disputar o ascenso noutra eliminatoria diante dun dos gañadores dos outros cinco cruces da anterior.

Os de Iván Gómez chegan cun plan definido e confianza absoluta despois da remontada do último mes e medio (5 vitorias e tres empates) con triunfos claves na Moreira ante o Coles e o Purísima. O adestrador xa estableceu os reforzos que precisa tanto do primeiro equipo como do xuvenil. Jorginho e Carlos, por un lado; e Hugo Penabad e Lucas Carnero, polo outro.

Jorginho, o sábado co filial.

A recuperación de Izan, que esta fin de semana xa xogou en Sarria e despois en Rozavales, podería aportar un elemento máis ao caudal de recursos do filial.

O once-tipo de Iván Gómez nos sete partidos que leva dirixindo ao Antela B é o que forman Andrés na portería, Javi Pérez, Borja Rubén, Penabad e Carnero na defensa (con Ojea por diante de Crisitian como recambio); Pío, Carrasco e Xurxo no medio campo (con Raúl e David Lamas de comodíns); e Álex Teixeira, Jorginho e Carlos como avanzados (Belucho como primeiro recurso). A lista de rotacións amplíase con Pitu, Vences, Germain -lesionado nas últimas semanas-, Carreira -que estivo sancionado- e Quique, que perderon protagonismo cos reforzos das últimas xornadas. Con Miguel como meta suplente e á espera da evolución do lesionado Felipe, o adestrador dispón dun cadro amplo e comprometido tras a crise de febreiro e principios de marzo e a saída de Marcos Ruído.

Álex Teixeira reaccionou coa competencia de Jorginho e Carlos. Xurxo, habitual xa co primeiro equipo, axuda a mellorar tamén o rendemento de Pío e Carrasco. Na defensa, a irrupción de dous futbolistas de carácter (Penabad e Carnero) temperou a Javi e Borja, dous expertos. Coa solidez de Andrés na portería, o Antela B conta co espiñazo para render nas eliminatorias ao nivel dun Primeira. Falta por ver cal é o nivel dos rivais.

Cómpre, en todo caso, prudencia. Iván Gómez non tivo tempo inda de rematar de coser o equipo. O seu é un traballo de emerxencia cun obxectivo -alcanzar a promoción- que está próximo a cubrir. O que veña será extra.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario