O Antela saca o mazo

Andrés e a ansiedade do Monterrei, que non soubo xogar un partido longo co Antela nin tiña tampouco efectivos suficientes para elo, evitaron a desfeita dos de Bruno Gómez, que tivo que intervir un par de veces durante a primeira parte dándolle a volta a un once no que Joni, por poñer un exemplo, empezou de extremo dereito e acabou de lateral esquerdo, ou Caneiro, que arrancou como pivote, pasou a central e rematou de novo no medio acompañado por Breixo.

O Antela sufriu a balón parado e así encaixou un gol e puido encaixar máis de non ser por Andrés, e sufriu tamén pola debilidade no centro do campo, co equipo partido, Anxo abandonado na punta e cedendo cada segundo balón ao borde das áreas. Foi o mal de moitos partidos no inicio desta segunda volta, que o Antela corrixiu a base de loita, paciencia e calidade individual.

O Monterrei, xa se sabía, atacou a partir dos desprazamentos en logo de Antón Teixeira e as penetracións de Ngom -que martirizou a Cole durante a primeira metade– e o esforzo de Flor Barrios, nun campo que teñen ben medido e no que empuxan con constancia e o bo pé dos centrocampistas.

Marcou Joni no rexeitamento á saída dun córner cun disparo raso e colocado, e respondeu o Monterrei nun erro defensivo visitante con Teixeira asistindo de cabeza no segundo pau para Ngom que rematou a pracer diante de Andrés. As carreiras de Outeiriño e a axitación polo movemento de pezas desde o banco sostiveron ao Antela antes do descanso.

Despois apareceu Tiago Teixeira como central (a cuarta parella de baile de Boán no centro da defensa) para dominar o xogo aéreo e atar a Flor Barrios, e o Antela ordenouse a partir dun dobre pivote con Breixo e Caneiro. Foi recuperando terreo e, sobre a hora de partido, Breixo certificou a mellora cun disparo desde a frontal que sorprendeu a Julián, o meta local. O Antela estaba por diante con media hora de partido. O escenario no que adoita a sacar o mazo.

Debut de Calleja.

Desta volta o mazo foron Antón e tres xuvenís: Jorginho, Izan e Anxo Calleja (no seu debut), que tardaron en rematar o traballo pero fixérono ao fin. Antón marcou coa zurda, de disparo raso xa no minuto noventa, e Caneiro volveu superar por alto ao porteiro local nun lanzamento de falta desde un lateral. Naquela altura, exhaustos, varios xogadores do Monterrei (que só tivo tres recambios) xa dimitiran.

O Antela volveu sacar o mazo diante dun bo equipo, como o día do ascenso na Moreira co Muíños, como tamén en Xinzo contra o Celanova (inda que sen sorte aquel día pola arbitraxe)… os mellores equipos da categoría, incluídos o Polígono ou o Nogueira, sufriron ese esmagamento nas mellores tardes do Antela, e nas peores tan so puideron apañar un empate.

“En marzo estamos ascendidos”, prognosticou a mediados de setembro un integrante do cadro técnico branquinegro. En marzo, o Antela sacaba 7 puntos ao segundo (máis o ‘golaverage’) e 11 ao terceiro e un partido menos. Os recursos parecían infinitos. Cando fixo falta, Breixo, Joni, Carlos ou Lois reconvertéronse. Cando non alcanzou, foron aparecendo futbolistas da canteira con moi bo nivel. O último, magnífico onte, Andrés, un porteiro de futuro.

Mentres Andrés, Jorginho, Antón, Anxo Pena ou Anxo Calleja irrompen con certo estrépito; Joni e Breixo (quen sabe se Pedro) van deixando paso, con goles e leccións, sen facer ruído ningún, marcando o carácter do Antela, un legado de traballo e alegría. Iso di o vento cando zoa na Moreira: primeiro traballo, despois festa.

FICHA TÉCNICA

Monterrei, 1; Antela, 4.

Goles: 0-1, min. 22: Joni; 1-1, min.26 : Ngoum; 1-2, min. 60: Breixo; 1-3, min. 90: Antón; e 1-4, min. 90: Caneiro.

Monterrei: Julián, Aarón (Fabrizio, 70’), Antonio Teixeira, Álvaro Mellado, Flor, Hugo, Rafael Jose, Henrique, Cardoso (Diego Losada, 71’), Ngom e Sergio Jose (Ángel, 76’).

Antela: Andrés, Boán, Breixo (Izan, 73’), Cole, Lois (Tiago, 46’), Caneiro, Xabi Lamas, Pedro (Antón, 73’), Joni, Anxo Pena (Jorginho, 54’) e Brais Outeiriño (Anxo Calleja, 76’).

Árbitro: Rubén Pérez. Expulsou con dobre amarela a Tiago Pona, adestrador local, no minuto 20 de partido. Amoestou ademais aos locais Cardoso, Sergio Jose e Hugo, e aos visitantes Breixo, Xabi Lamas e Cole.

Incidencias: Uns 150 espectadores en Rozavales.

GALERÍA

Tiago e Xabi contra Flor Barrios (ex do Barbadás), durante a segunda metade.

PRÓXIMO PARTIDO: Antela – Allariz, última xornada da Liga de Primeira Futgal (10 ou 11 de maio).

AS CRÓNICAS


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario