Gonzalo Opazo lembraba onte durante unha breve conversa na Moreira como naquel campo, a finais de novembro de 2012, nun partido contra o Bande daquela Liga de Segunda que o Antela gobernaba con présa por volver a Primeira, el mesmo -como adestrador- ordenara un 4-4-1 despois de que lles expulsaran ao porteiro no arranque.
O punta era Joni, que o ano anterior xogara no Pabellón e dúas tempadas antes, sendo xuvenil, debutara co primeiro equipo nun xogo contra o Nogueira, con Carlos como adestrador. Aquela tarde, Joni resolveu o partido grazas á súa velocidade. “Non lembro se marcara dous ou tres, pero gañamos 4-2”, conta Opazo. Disputárase a xornada 13, e o Antela marchaba líder con 46 goles e unha cómoda vantaxe sobre o Boado e o Maceda. A competición igualaríase ao final, pero o Antela ascendeu como segundo, por detrás do Boado, equipo ao que marcharía Joni a tempada seguinte.
Os goles de Joni naquela liga en Segunda non figuran en ningún rexistro informático. “Marcaría dez ou once, creo”, sinala o futbolista sobre o mesmo prado daqueles partidos e sobre o que se despedirá mañá cuns números de lenda.
Jonathan Gómez Quintas, Joni, de 31 anos, completou despois 8 tempadas no Antela, 208 partidos de Liga até hoxe, 16 de Copa; total: 224 partidos. Anotou 85 goles (5 na Copa, o último esta tempada no partido co Barco) entre a tempada 2016/17, cando regresou ao Antela, en Primeira e Preferente. Con aquela estatística inda por documentar en Segunda (haberá que se mergullar nos arquivos federativos) andará próximo a cifra redonda dos cen tantos e un cuarto de millar de xogos, que tería superado se a pandemia non clausurase o fútbol no ano 20. [Joni rematou a tempada 24/25 marcando 1 gol máis ao Allariz, no seu partido 209 na Liga]
“Todo o que vivín no fútbol vivino aquí no Antela. Os mellores e os peores momentos… pero penso que o balance queda en positivo. A mágoa non ter alcanzado unha final de Copa, intentámolo este ano, pero non puido ser”, explicaba o capitán este xoves despois dunha foto con Breixo, outro dos capitáns que se despide mañá (18,00 horas na Moreira contra o Allariz).
O partido no que Joni recibirá o premio ao Xogador do Mes en abril e tamén a Copa de campión de liga (o seu segundo título) de mans de Raúl Rois, o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense.

Breixo Fernández Baliño, da mesma quinta (Vilamarín, 25 de marzo de 1993), foi futbolista do Antela durante 5 tempadas (19/20, 21/22, 22/23, 23/24 e 24/25). Foi campión de Primeira, cando Joni, nas tempadas 21/22 e 24/25. E xogou en Preferente nas tempadas 22/23 (8º posto) e 23/24 (14º). Suma 142 partidos -9 en Copa-, con 71 vitorias, polo que un triunfo diante do Allariz pecharía a estatística cun 50% de triunfos. “Non está mal, tendo en conta eses dous anos competindo en Preferente”, opina. Coma Joni, tamén lamenta que o seu teito na Copa teñan sido os oitavos de final. Na Copa superou 4 eliminatorias, anotou un gol e transformou 4 penaltis en quendas. Precisamente os penalti axudaron a que esta tempada se disparase o seu rexistro anotar. Sumou nestes anos 16 goles coa camiseta do Antela. [Contra o Allariz, Breixo anotaría outro gol no seu partido 143].
“É unha despedida e as despedidas son sempre tristes. Collín moito cariño a este club, aos compañeiros, aos adestradores e á directiva. E tamén a Xinzo, síntome parte del. No deportivo foron, e están sendo, os meus mellores anos”, remarca Breixo, preciso, coma no xogo.

O Antela espertará a próxima tempada un pouco orfo, mais ese sentimento é necesario para que asomen novos liderados, co seu propio carácter, mais cun fondo de humildade que xogadores da estirpe de Joni e Breixo foron inscribindo estes anos no club. Son os xogadores (e contados adestradores) quen constrúen a personalidade que sostén cores, himnos e bandeiras.
E epa! Non camiñaremos sós! Joni e Breixo deixan ao seu mellor alumno, o Pedro, terceiro capitán, xefe dos lobos cada domingo, compromiso infinito… quen negocia co club un último baile en Preferente, porque os soños hai que perseguilos.
Convocatoria




















