Amine, Codes, Izan e Penabad, última cita co xuvenil

Despois da quinta do Teixeira (Álex) sae do estaleiro da Moreira a quinta do Izan, moi ben armada de fútbol nos pés e na cabeza. A quinta do Izán é a do Amine, o Codes e o Penabad. E malia a súa precocidade, poderían sumarse outros barcos futbolísticos xa terminados como o David, o Carnero ou o Dameá. Seguro que hai máis na lista. Non hai présa, pero no fútbol a tendencia é a queimar etapas rápido.

O Antela xuvenil, subcampión de Liga e ascendido a Preferente, recibe este sábado (12,00 horas) no sintético do Fernández Carrera ao Estrada, o campión, no último partido de Amine, Codes, Izan e Penabad na categoría. Os catro, pezas clave no ascenso, inda non teñen definido o seu futuro.

No caso de Izan o club fará un último intento para retelo, mais cuestións laborais debuxan o seu futuro lonxe de Xinzo. Amine, que estuda fóra e acabou a Liga lesionado, parece que tería acomodo nos equipos superiores, nos que tamén buscarán praza Penabad -debutante este ano co A e que está a reforzar ao filial no último tramo de competición- e Codes, que rematou moi ben a tempada.

Ademais das despedidas, o incentivo para os de Forri está en seguir mantendo a súa imbatibilidade na casa. Non perderon esta tempada e a última derrota remóntase á pasada campaña. Foi o 3 de febreiro de 2024, contra a UDO “B” (1-3), na última xornada da fase regular do campionato.

Izan, na bancada do Fernández Carrera a semana pasada.

O remate do ciclo de estudos dalgúns, ademais das posíbeis ofertas que poidan recibir de clubs de ligas superiores e as necesidades do filial e do primeiro equipo, determinarán a continuidade doutros futbolistas que, por idade, poderán continuar na categoría a próxima tempada: a do debut na segunda división galega. Nese reto, a directiva e o cadro técnico xa traballan en novas incorporacións desde categorías inferiores.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario