O Monteporreiro, cuarto clasificado no grupo de Pontevedra, será o rival do Antela B na primeira eliminatoria de ascenso a Primeira Futgal, segundo o sorteo celebrado esta mesma tarde pola RFGF. O Monteporreiro rematou a Liga por detrás do Amanecer, o Ponte Caldelas (ambos xa ascendidos) e do Bueu, os tres moi destacados, e asegurou a súa clasificación no penúltimo partido cunha vitoria na Lama.
Monteporreiro é un barrio ao norte da cidade de Pontevedra, á beira do Lérez, e o seu equipo leva catro tempadas na Segunda Futgal, división á que ascendeu tras gañar o título de Terceira na campaña 19/20, mais que non puido disputar até dous anos despois pola suspensión da Liga 20/21 por causa da covid.
Este ano sumou 12 vitorias e 9 empates, con 45 goles a favor e 33 en contra. Rematou con 45 puntos, os mesmos que o Sanxenxo (quinto, e tamén clasificado para os play-off).
O partido de ida disputarase en Pontevedra esta fin de semana en horario inda por determinar, e a volta terá lugar en Xinzo a fin de semana seguinte.
O sorteo celebrouse dúas veces por un erro no último emparellamento que medía ao Coles co Tebra.
Quedaron fixados os cruces para a eliminatoria final. O vencedor da serie Monteporreiro-Antela B medirase ao gañador do Mondariz-Coles. O Coles é un rival ben coñecido. O Mondariz clasificouse cuarto no grupo de Vigo por detrás do Ribeira, o Candeán e o Caselas.

