Máximas expectativas

𝗦.𝗗. 𝗠𝗢𝗡𝗧𝗘𝗣𝗢𝗥𝗥𝗘𝗜𝗥𝗢 - 𝗔𝗡𝗧𝗘𝗟𝗔 𝗕, 𝗱𝗼𝗺𝗶𝗻𝗴𝗼 𝟭𝟴, 𝗮́𝘀 𝟭𝟳:𝟬𝟬 𝗵𝗼𝗿𝗮𝘀 𝗲𝗻 𝗠𝗼𝗻𝘁𝗲𝗽𝗼𝗿𝗿𝗲𝗶𝗿𝗼 (𝗣𝗼𝗻𝘁𝗲𝘃𝗲𝗱𝗿𝗮).

Con apenas uns anos de bagaxe na categoría, o filial do Antela, o equipo que armaron no verán do 2022 os propios xogadores (moitos dos que inda seguen: Carrasco, Borja, Manu, Javi Pérez, Belucho ou David Lamas, con Juan Forri á cabeza) cando o primeiro equipo deu o salto a Preferente, disponse a disputar a súa primeira promoción de ascenso.

O Antela B naceu da fusión co cadro das Escolas Deportivas por iniciativa de Rafael Penabad, naquel momento concelleiro de Deportes, e con Juan Antonio Losada, ‘Toncho’, nun banquiño polo que despois pasaron Anxo Prol e Carlos García, dous veteráns. Na súa primeira campaña, no Grupo 3 de Ourense, rematou 6º despois de se manter durante toda a Liga próximo ás prazas de ascenso, que acabaron amarrando o Rúa e o Maceda, dirixido daquela por Iván Gómez.

Na campaña seguinte, a pasada, o equipo concluíu sétimo, lonxe da loita polo ascenso -que lograrían o Viana e o Córgomo- e nuha competencia dura por evitar o descenso que, dada a reestruturación de categorías acabou levando a sete equipos a Terceira.

Coa unificación nun só grupo da Segunda provincial esta campaña, as expectativas no inicio eran modestas. E Marcos Ruído, o adestrador elixido para gobernar un equipo que se reforzou coa chegada desde o xuvenil de futbolistas como Andrés, Pitu, Raúl e Felipe, foi sempre prudente mesmo nos mellores momentos da tempada cando o Antela B se instalou na cabeza do campionato (chegou a ser segundo na xornada 18 a un só punto do Coles, o líder).

O Antela, que fora o terceiro mellor equipo na primeira volta, acabou sendo o sexto na segunda, e tivo que esperar á última xornada para confirmar a praza de promoción. Mais, a oito xornadas do final, despois de empatar co Cortegada na casa nun partido que dirixiu Bruno Gómez tras a renuncia de Ruído, o equipo estaba (sexto) fóra da promoción.

Despois de tocar teito, a caída; e logo, a remontada final. Agora, chega a promoción contra o Monteporreiro, outro equipo sen experiencia nesta situación e do que pouco se sabe. En teoría, os grupos de Pontevedra e Vigo, na gran área metropolitana do sur do país, teñen máis nivel pola maior cantidade de licencias. Mais o Antela B, da man de Iván Gómez e xa con Jorginho, Carlos, Xurxo, Andrés, Penabad e Carnero centrados nunha soa competición, tamén está por ofrecer o seu mellor nivel.

O equipo, con Carrasco, Javi Pérez ou David Lamas, ten futbolistas que se curtiron na Preferente non hai tanto. E dispón de varios que levan toda a tempada en dinámica (adestramento semanal, convocatorias e minutos) do primeiro equipo. Cousa distinta é a bagaxe competitiva, porque a Segunda en Ourense foi unha Liga entre 8 equipos dun nivel parello, co resto (os outros dez), un chanzo por baixo.

De cara ao partido de ida da eliminatoria co Monteporreiro, a xogar en campo contrario, Iván Gómez perde a Jorginho, expulsado diante do Arrabaldo, e recupera a Borja e a Álex Teixeira (doce goles nesta Liga, once nas contas da federación) que cumpriron sanción a pasada xornada. Pendente da evolución de Manu, Felipe e Germain, e con Carreira a disposición, a convocatoria será a máis “cara” do que vai de Liga. Chegou o momento para un filial no que, agora si, as expectativas son máximas.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario