O Antela B, sen medo nin présa

Cristian Carrasco Cotilla -27 anos, centrocampista, 181 partidos e 23 goles en sete tempadas no Antela, dous ascensos co primeiro equipo, dúas campañas en Preferente, tres no filial co que vai xogador a promoción- é un xogador que imprime personalidade ao equipo. Onde xoga Carrasco, a táctica é pausar, tocar, acelerar e sempre que sexa posíbel, a pelota ao pasto. Ao redor de Carrasco, o futbolista máis experimentado, móvense os novos. Carrasco, ademais, está tempada está a facer goles: suma 9.

“Estamos tranquilos. Con confianza. Temos que facer un partido serio alá e traer o mellor resultado que poidamos”, di Carrasco antes de xogar mañá (17,00 horas) co Monteporreiro. Hai no Antela B dúas sensacións que se alimentan: a de ter cumprido o obxectivo da tempada e de estar diante dun play-off, a bola extra do filial para lle poñer o ramo a unha Liga espléndida. Así, a confianza medra e as gañas de fútbol mantéñense.

“Temos algunha idea de como xoga o rival, o que nos di Iván [o adestrador] e as pautas que nos dá. Pero, sobre todo, imos coa intención de ser nós mesmos e facer o noso partido”, insiste Carrasco, un veterano que pensa que a experiencia non vai ser determinante na eliminatoria -ao fin, o Monteporreiro é un equipo cunha media similar á do Antela B e con xente moza desempeñando roles clave-. “Os maiores tratamos de axudar, mais aquí temos un cadro de xogadores nos que varios adestran e xogan co primeiro equipo e uns xuvenís ben preparados que veñen de ascender a liga galega. A madurez non vai ser o problema”, resume o centrocampista.

A maiores Carrasco confía en que dúas ou tres ducias de afeccionados se sumen á expedición limiana -o bus do equipo, con prazas para os afeccionados que se anotaron, sairá ás 13,20 horas desde o Bar Rodri, no Toural-. Carrasco, cando pode, é un dos futbolistas da canteira que se despraza para seguir os partidos do Antela.

Ben arroupados, sen medo ao reto nin présa por resolver unha eliminatoria que se presume dura e longa, os limianos, que subiron ao terceiro caixón do podio na Liga, aspiran a manter a dinámica ascendente do último mes.

Na lista non hai sorpresas, as baixas son coñecidas.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario