O Antela B empatou en Monteporreiro (1-1) cun gol de Xurxo mediada a segunda metade no partido de ida da primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Primeira Futgal.
Os limianos regresan cun bo resultado e coa sensación de ter a eliminatoria no seu carreiro despois de sufrir moito na primeira parte, cun Monteporreiro que pechou aos de Iván Gómez no seu campo, sobre todo grazas á estratexia a balón parado, e acabou por adiantarse no marcador.
Tras o descanso, o Antela asentou mellor a súa defensa e pouco a pouco foi gañando terreo e balón. O Monteporreiro baixou unha marcha e os visitantes fixéronse donos do partido. Xurxo, de falta directa desde a esquerda, conseguiu o empate. A entrada de Carreira, Belucho, Lamas e Pitu como xogadores de refresco aumentou o control por parte do filial, inda que os locais, xa no desconto, tiveron de novo a balón parado ocasións para gañar.
O Antela B, agora co factor campo a favor, tratará de resolver a próxima fin de semana a eliminatoria na Moreira nun encontro no que xa poderá contar con Jorginho. No outro cruce da parte do cadro do Antela, o Coles venceu en Mondariz e deixou case decidida a súa clasificación. Polo momento, os dous equipos ourensáns parecen tomar vantaxe. Case medio cento de afeccionados limianos acompañaron ao filial na súa primeira experiencia nunha promoción polo ascenso.
FICHA TÉCNICA: https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodActa=1285852&cod_acta=1285852
GALERÍA























