Bruno Gómez Cid (Ourense, 1988) renovou unha tempada máis co Antela F.C. O adestrador, que chegou o pasado verán procedente do Monterrei e con experiencia en Preferente co Nogueira, asinou na presente campaña un 71,4% de vitorias co primeiro equipo. Na Liga estableceu os rexistros históricos do Antela en Primeira provincial de puntos (82), vitorias (25), goles a favor (83) e menor número de goles encaixados (22).
“Quero seguir, estou contento en Xinzo”, declarou hai catro semanas na páxina web do club, apenas dous días despois de conseguir o ascenso a Preferente no partido contra o Muíños na Moreira. “Xa me sinto un máis en Xinzo”, insistiu hai dez días noutra entrevista tras o peche da Liga diante do Allariz. Nestas últimas semanas, de acordo co club, Bruno Gómez xa viña traballando na planificación da vindeira tempada, que para o Antela suporá a 14ª campaña na Preferente.
