Trece goles en 33 partidos con máis de 2.600 minutos xogados. Eses son os números do ‘dez’ do Antela, Pedro Castro, que chegou a un acordo co club para continuar unha tempada máis: a sexta, que vivirá en Preferente, coa insignia de capitán (xa sen Joni nin Breixo) e coa responsabilidade de liderar un grupo de dianteiros mozos no salto a unha categoría que el coñeceu aos 21 anos e á que lle levou cinco anos regresar.
Pedro Castro, 31 anos, viviu este ano a mellor tempada da súa carreira no Antela: con máis goles, máis minutos e máis partidos que nunca… e sen lesións. Pedro, xa unha lenda no Antela, anotou este ano un hat-trick na Liga (contra o Viana, en abril) e conseguiu o seu segundo título no club (antes xa logrou unha Liga co Monterrei). É a primeira renovación do Antela no cadro de futbolistas despois de se proclamar campión, e xusto despois do anuncio da continuidade de Bruno Gómez á fronte do equipo.
O club prosegue co traballo de pechar a renovación de xogadores, mentres xa empezou a negociar algún reforzo.