“Hai que subir unha marcha, a Preferente é máis esixente”

Na cea de despedida da tempada Breixo e Pedro fundíronse nunha aperta prolongada. Non puideron evitar unhas bágoas. O cadro de xogadores entendeuno como un momento solemne. O fútbol é unha historia que se desfruta porque se comparte.

Hai un ano, o 19 de maio de 2024, Breixo e Pedro choraban sobre o prado da Moreira despois de perder un partido a vida ou morte contra o Choco que tiñan gañado a un minuto do final. Onte, o Antela confirmou a continuidade de Pedro no regreso a Preferente.

“Non creo que houbera erros. Traballouse arreo para estar e estivemos. Baixamos polos arrastres e dunha forma moi cruel”, asegura Pedro. “Non o mereciamos, o fútbol débenos unha”.

No regreso non estarán Breixo nin Joni, o primeiro en se sumar a aperta no Restaurante Avenida despois de que os tres anotasen pola tarde os seus goles contra o Allariz na despedida.

Como levas o da retirada do Breixo e do Joni?

Breixo é o meu mellor amigo. Levamos compartindo momentos no campo toda a vida e fára dos terreos tamén… que dicir del?! Como xogador, o mellor; como persoa, tamén. O Joni tamén é un bo amigo, e como xogador o mellor xunto co Breixo, sempre comprometido sen queixarse de nada, sempre alentando e axudando os seus. O meu capitán sempre. Son grandisimas persoas e excelentes xogadores, deses que non teñen relevo. Teño unha pena moi grande pola súa marcha, sei que vou ter morriña deles porque son excepcionais. Insisto: dentro e fóra do campo.

Por que segues?

Sigo porque me encontro ben. E espero que, como este ano, me respecten as lesións e xogar o máximo posible nesta bonita categoría. A confianza da directiva, adestradores, compañeiros e seareiros tamén ten boa culpa de continuar.

Que farás para volver a Preferente na forma que estiveches esta tempada?

A miña preparación basearase no mesmo que esta tempada. A partires da lesión do ano pasado compaxino os adestramentos co ximnasio para estar na mellor forma posible. E se cadra terei que subir unha marcha en todo xa que a Preferente é máis esixente.

En que aspecto teredes que mellorar máis: no físico, no técnico, no psicolóxico…?

Haberá que dar un salto para mellor en todos, sen dúbida. Sabemos o que é esta categoría. Hai que mellorar en todo o posíbel.

Os rapaces medraron. Terán oportunidades en Preferente?

O Antela ten unha canteira moi boa e ampla. E teñen a sorte de que os adestradores van a buscar momentos para lles dar oportunidades.

Quen che sorprendeu máis da canteira este ano?

Creo que o que máis me sorprendeu non foi un xogador en concreto, senón o conxunto que se formou. Xa se viu durante a tempada que estabamos todos moi enchufados, malia que uns tiñan máis minutos e outros menos.

De volta en Preferente, como ves hoxe o club para competir con entidades moi consolidadas?

O Antela é un club de Preferente, ten e equipo e ten todos os medios, ou case todos. Quizás botamos en falta un apoio máis decidido por parte do Concello de Xinzo.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario