O Antela B xogará co Coles polo ascenso

O Antela B de Iván Gómez superou ao Monteporreiro nun choque intenso, con moita animación e nervios na grada da Moreira e tensión desde os primeiros minutos no campo. O gol chegou na primeira parte da prórroga despois de que os 90 minutos remataran con empate sen goles (1-1 na ida).

Carlos cazou un globo que se tragou a defensa, baixou o balón e acomodouno para rematar desde a liña da área grande. Foi un disparo duro ao primeiro pau que venceu ao Monteporreiro, até ese minuto 100 case sempre por riba no partido.

Iván Gómez arrancou a tarde con toda a pólvora sobre o campo. Álex Teixeira, mancado nun nocello, forzou para formar pola esquerda, e foi o mellor atacante dos locais até que tivo que parar ao pouco de comezar a segunda parte. Jorginho ocupou o posto de ‘nove’ e pelexou coma sempre contra dous centrais que pasaron unha mala tarde entre choques e carreiras do dianteiro limiano. Carlos empezou na dereita e percutíu cara adentro con constancia. Acabou como segundo punta, despois dun gran esforzo que posiblemente acusou á hora de lanzar un penalti na mellor ocasión do Antela antes da prórroga.

Os limianos, que foron dominados en varias fases do encontro mais sufriron menos que na ida en Pontevedra, descolgáronse con perigo a través das xogadas de Teixeira e das accións a balón parado. Con Iago na meta pola lesión de Andrés, o Antela, ben avisado, defendeu con acerto a acometida visitante no xogo aéreo.

Na segunda metade o Monteporreiro non se afundiu como na ida e insistíu no seu fútbol. Insistiu e insistiu na procura do premio. Mais na Moreira non é fácil atar ao Antela, que co refresco de Pitu e Carreira volveu a se estirar contra o final do partido. Borja puido marcar de cabeza tras un saque de esquina. E noutro, a menos de dez minutos do final, Carlos saíu voando xunto ao punto de penalti por empurrón dun rival. O árbitro, a dez metros, sinalou a pena máxima. Pasaron varios minutos entre protestas do Monteporreiro, cun banquiño moi alterado toda a tarde. O porteiro adiviñou a intención de Carlos.

Na prórroga, o Antela gañou confianza. Borja e Carrasco deron un paso á fronte. E Carlos corrixiu o mal lanzamento de penalti cun control espléndido. Nos vinte minutos seguintes, o Monteporreiro acelerouse, mais tamén puido empatar nunha falta que petou no longueiro. O resto parouno todo Iago.

A sorte estivo de cara para o filial. Ás veces o fútbol é agradecido cuns xogadores que son os primeiros fans do Antela e que hoxe foron os protagonistas nunha Moreira que volveu lucir como nas mellores tardes: uns cincocentos afeccionados nas gradas máis coloridas que nunca.

O Coles, que superou outro rival pontevedrés, o Mondariz (4-3 no global despois de ceder hoxe 1-2), é o último obstáculo para alcanzar o soño que nunca se soñou. Quedan dous partidos, coa volta na Moreira.

FICHA TÉCNICA: https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodActa=1285856&cod_acta=1285856

GALERÍA

Iván Gómez, tras o partido.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario