O porteiro Bruno Pío (22 anos), o defensa Lois Espino (27 anos) e o dianteiro Jorge García Palomares, Jorginho (19 anos), continuarán no Antela a próxima tempada no regreso do club a Preferente.
O Antela anunciou onte as renovacións de tres futbolistas que chegaron a pasada campaña á Moreira e foron revelación na última Liga. Bruno converteuse no porteiro menos goleado do Grupo IV de Primeira. Lois empezou como lateral e pasou a se desempeñar como central no momento clave da tempada. Jorge acabou conquistando o posto de nove e foi titular en 21 partidos na liña máis competida.
Deste xeito, Bruno Gómez xa conta con 5 dos fixos no equipo que vén de lograr o ascenso: Pedro, Cole, Bruno, Lois e Jorge, mentres o club negocia a continuidade doutros futbolistas e agarda o regreso do lateral arxentino Emanuel Isuardi co que mantén un compromiso de cara á próxima campaña despois do seu debut en dous partidos en Primeira Futgal en abril.
Na Liga que rematou hai dúas semanas, Bruno Gómez chegou a utilizar 35 xogadores. Deles, 6 do xuvenil, cunha participación testemuñal. Outros 5 chegaron do filial, e tiveron continuidade nos adestramentos e nas convocatorias. Tres futbolistas con ficha do primeiro equipo causaron baixa na primeira volta. E incorporáronse Carlos, Outeiriño e Isuardi, que acabaron por facer parte do grupo de 21 que conformou o núcleo do equipo. Deste núcleo, dous terzos eran xogadores “da casa”.
A intención da directiva é volver pór a disposición do adestrador un cadro de xogadores amplo, mais amplo do que foron os das dúas tempadas anteriores con Sabucedo, xa que consideran que a competencia interna foi unha das claves do rendemento do equipo na Liga do ascenso. A esa competencia contribuíron tamén os futbolistas da canteira incorporados á dinámica do primeiro equipo. Mais a promoción de novos xogadores da base está pendente da situación na que quede o filial, que disputará a eliminatoria de ascenso a Primeira Futgal.






















