O adestramento do martes foi concorrido e lixeiro. No aspecto físico, o Antela B está nun bo momento como demostrou na segunda metade da ida das semifinais e na prórroga do domingo na Monteira impoñéndose ao Monteporreiro. No aspecto anímico, o filial combate un certo cansazo tras unha tempada que non contaba estirar tanto cunha relaxación inopinada dado o que está en xogo: un ascenso.
Acontece que o filial cumpriu con nota os obxectivos e todo o que veu despois –a loita en abril e maio por amarrar unha praza na promoción e a batalla co Monteporreiro no primeiro play-off da historia do equipo- vívese como unha festa.
Así que as pernas e as cabezas actívanse rápido. O bloque do Antela B está no punto e case enteiro para outro partido do ano, o deste domingo en Albán (18,30 horas) diante do Coles, o gran favorito para o ascenso hai apenas dous meses.
O bloque non está enteiro porque Andrés, o porteiro, e Germain, capitán e dianteiro, seguen os seus procesos de recuperación, e Manu, cunha lesión de maior alcance, tampouco está dispoñíbel.

2.000 minutos.
O Antela B chega a xuño cos minutos ben repartidos. Cinco xogadores superan os 2.000 minutos; e seis, os 1.500. Javi Pérez é o que máis tempo leva no campo: 2.903 minutos, tras os 210 que sumou na eliminatoria anterior. Leva ademais 33 partidos, os mesmos que Pío e Vences, e un menos que Carrasco (con 34, o que máis). O quinto home do grupo de cinco é Borja Rubén.
1.500 minutos.
Entre os que superan os 1.500 minutos de competición están David Lamas (31 partidos), Pitu (30 partidos), e Xurxo, Raúl e Belucho (28 partidos). Miguel, o porteiro, tamén está nese grupo, pero suma 20 partidos. Andrés, agora lesionado, acumula 15 partidos na meta; e Iago foi titular o domingo e antes xogara en Liga contra o Cortegada.
1.000 minutos.
Nun terceiro grupo, con máis de mil minutos está o máximo goleador do equipo, Álex Teixeira (12 tantos en 19 partidos). Nese grupo tamén están Andrés, Germain, Manu e Ojea. E o recuperado Adrián Carreira, que disputou 23 partidos de Liga e os dous da semifinal.
O filial -primeiro con Marcos Ruído á fronte e agora con Iván Gómez- utilizou ademais outros 15 futbolistas. Entre eles, os dianteiros Carlos (8 partidos, 2 goles) e Jorginho (5 partidos, 1 gol), habituais no primeiro equipo, e oito futbolistas do xuvenil: Lucas, Penabad, Xacobe, Iago, Erik, Fabián, Carba e Diego Lulo. No último mes, o dianteiro do xuvenil Codes tamén botou unha man nos adestramentos.