A convicción, outra arma poderosa

O Antela B gañou os dous partidos diante do Coles na Liga: 0-1 na primeira volta e 2-0 na Moreira. E acabou superando ao filial da UDO na clasificación final. Os precedentes son bos, mais agora veñen dous partidos nos que se porá en xogo un premio maior: o ascenso. O primeiro choque, mañá en Albán (18,30 horas).

Iván Gómez recuperou a Felipe e a Hugo Penabad para a convocatoria, e deu entrada por vez primeira a Codes. A respecto da semana anterior, causan baixa Belucho, Álex Teixeira e Adrián Carreira. Tampouco estará Andrés, que apura a súa recuperación para o partido de volta.

O Coles era líder na xornada 26 -metade de marzo- con tres puntos de marxe sobre o Francelos, sete sobre o Purísima e 12 sobre o Antela. De aí até o final só sumou oito puntos e acabou por detrás destes tres rivais, perdendo na casa co Purísima, perdendo na Moreira e empatando en Francelos.

O Coles, que viviu a súa mellor época na década dos noventa, cando se asentou en Primeira, pechou un acordo para se vincular a UDO no verán de 2023 co obxectivo de regresar á primeira categoría provincial onde mellorar a formación da canteira ouresanista. A tempada pasada rematou 4º na Liga, sen opcións de ascenso; e na presente, coa mesma posición, puido acceder aos play-off.

Parecía que as eliminatorias non chegaban no seu mellor momento, mais conseguiu gañar o primeiro partido en Mondariz (1-3) e manter a vantaxe en Aldán despois dunha primeira parte na que os visitantes conseguiran empatar a eliminatoria. Finalmente, o 1-2 deulles o pase á final.

O Antela B, co factor campo a favor e unha traxectoria ascendente desde abril, ademais de dar o seu mellor nivel nunha eliminatoria moi igualada diante do Monteporreiro, gañou en confianza e ambición. Mais o pozo no que se viron a comezos de marzo está tan próximo que evita calquera signo de euforia no cadro de xogadores.

A experiencia (moito maior no adversario) tampouco será un hándicap esta vez. Borja e Javi, Xurxo (especialmente na ida contra o Monteporreiro), Pío (sobre todo na volta) e Carrasco, Carlos e Jorginho xa demostraron que poden con calquera peso extra nestes play-off. O Antela B non se sente favorito, mais si seguro das súas forzas.

A convicción é unha arma poderosa. Pero ten máis armas o Antela. Empezando por unha defensa sólida, que nos dez partidos con Iván Gómez encaixou 5 goles (con sete porterías a cero). E rematando nun ataque de repertorio amplo, con nove goleadores (17 tantos) neses mesmos dez partidos.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario