Coles, 0; Antela B, 0.

O soño que nunca se soñou está moi próximo a se converter en realidade. O Antela B xogará a próxima fin de semana na Moreira o último partido da tempada no que se decidirá o terceiro equipo ourensán que ascende a Primeira Futgal.

Esa final xa vale un mundo.

O Antela B, 100% limiano, pode escalar á división da que este ano escapou o Antela A. Un cadro de futbolistas no que a maioría non cobran (e no que a maioría pagaron a súa ficha) está disposición de ocupar unha praza nesa mesma categoría provincial.

Carlos e Jorginho foron dous reforzos básicos na transformación do equipo que en marzo xa daba case por perdida calquera opción de ascenso. Mais o fundamental estivo no bloque –neses 22 futbolistas (xuvenís a parte)– que se repartiron os minutos durante a Liga e os play-off e hoxe case todos estiveron presentes en Albán, de corto ou de largo, empuxando.

Iván Gómez sorprendeu de saída aliñando a David Lamas no medio campo, e convocando a Codes (xuvenil) e Felipe entre os recambios. Codes substituiría na segunda parte ao David. O Antela B comezou atrás, con Jorginho no nove para incomodar a saída do rival.

Pero o Coles, un equipo limpo, que coida o balón e toca e toca, dominou sen crear ocasións no primeiro tramo. O Coles é tan bo como o Monteporreiro até chegar aos tres cuartos, mais esta tarde fixo moi pouco de aí cara adiante. En parte porque a defensa do Antela B pechou a conexión polo medio co punta local e nas bandas Raúl e Lucas Carnero foron consistentes e estiveron ben asistidos.

Cando o Antela B se empezou a sentir cómodo co balón, deu en buscar a Carlos, que en accións individuais levou todo o perigo á area local. Borja tivo a súa oportunidade nun saque de esquina, pero rematou mal. Noutro córner un defensa tocou claramente coa man, pero o árbitro non o viu.

Despois do descanso, a segunda parte empezou como a primeira. Co Coles cun pouco máis de pólvora nos metros finais. Por momentos, o Antela meteuse moi atrás, e mesmo os locais remataron varias veces na área.

Non pasou nada. E o Coles baixou o ritmo, mentres Carlos arrancaba unha vez tras outra pola banda esquerda. Carlos foi un pesadelo para os locais, e tamén Jorginho aproveitou o estirón do Antela para mostrar os dentes de dianteiro.

Tampouco pasou nada na área local. O Antela tivo cerca o gol, mais tamén o Coles mandou un balón ao pau. Os de Iván Gómez volveron acabar por riba do rival, dando a impresión de estar máis enteiros e con máis repertorio, coa aparición tamén de Pitu.

Na Moreira, con máis espazos, cun repertorio de dianteiros que non ten o rival, coa xente da casa empuxando xunta, a tarefa de gañar e ascender parece cousa feita. Hai unha semana, o Monteporreiro xa avisou que non haberá vitoria sinxela. O Coles non é menos.

FICHA TÉCNICA: https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodActa=1285859&cod_acta=1285859

GALERÍA


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario