Esteves, mediocentro de 22 anos, primeiro reforzo para Preferente

David Esteves, mediocentro portugués de 22 anos procedente do Mirandela da quinta división lusa, é a primeira fichaxe do Antela de cara a tempada 2025/26 en Preferente. O futbolista, que non mudará de cores, xa que a vestimenta do seu exequipo tamén é branquinegra, pasou polo Valpaços e o Pedras Salgadas, na cuarta división, após ter completado a súa etapa xuvenil no Chaves, onde se formou desde infantís.

Esteves viaxou a semana pasada a Xinzo xunto a seu pai, e estivo acompañado por Bruno Pío, o porteiro do Antela, co que compartiu anos de formación nas categorías base do Chaves. Na Moreira, vestiu a camiseta branquinegra do seu novo club e foi presentado polo presidente, Pablo Losada, e o director deportivo, Daniel Jardón.

Despois explicou a súa traxectoria como futbolista e definiuse como “un centrocampista que gosta de ter o balón no pé e que ocupa o medio movéndose cara atrás e cara adiante”. Esteves admite que coñece pouco do fútbol galego, mais ten referencia de que o Antela é “un equipo en progresión, con moito recoñecemento e apoio en Xinzo”. O xogador vén de gañar a Liga Distrital de Bragança (con ascenso directo ao Campionato de Portugal, a cuarta división) e levantar a Taça Distrital, “nunha tempada sen derrotas”, anota.

Esteves, con Pablo Gil (presidente do Antela) e Daniel Jardón (director deportivo), na Moreira.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario