Até onde alcancen os máquinas

“Estou moi contento polo resultado, polas sensacións, pola portería a cero… en xeral con todos. E xa só queda gañar na casa para ascender”, resumiu Iván Gómez, o adestrador do Antela B tras o empate en Coles (0-0), na ida da final do play-off polo ascenso a Primeira Futgal.

O adestrador chega á verdadeira final cun traballo impecábel en once partidos (7 vitorias e 4 empates, todos fóra) e os roles ben definidos dentro do equipo, tras salvar obstáculos como a lesión de Andrés ou as adaptacións dos homes chegados desde a canteira e do A como reforzos no tramo decisivo. O ascenso está na man do filial. O domingo (18,00 horas) recibirá na Moreira ao Coles. Precisa a vitoria para concretar o soño.

Álex Teixeira, co balón, durante a sesión do martes.

Cambios na portería
Iván Gómez confiaba en Andrés como titular. A lesión de Andrés antes da volta contra o Monteporreiro levou ao adestrador a reclamar a presencia do xuvenil Iago. Gómez estaba preocupado por mellorar a eficacia defensiva no xogo aéreo desde o partido de Liga en Toén. O Monteporreiro aparecía agora como outro rival moi perigoso nesa faceta. A aposta foi Iago en detrimento de Miguel. E saíu ben.

Tres defensas fixos
En Toén tamén empezou a gañar galóns outro xuvenil, Lucas Carnero. Saíu no minuto 89 e anotou un gol. Acabou a Liga como titular. E mantívose nos tres partidos de play-off. O domingo pasado en Albán xogou o seu mellor partido do curso co filial. Carnero, como lateral, veu reforzar a dous centrais indiscutíbeis para Gómez: Javi Pérez e Borja Rubén. O cuarteto de defensas completárono nas eliminatorias Vences, Cristian e Raúl, quen parece ter collido o sitio nos dous últimos choques.

Tres expertos na sala de máquinas
No medio do campo non houbo sorpresas: Pío, Xurxo e Carrasco foron titulares sempre que estiveron dispoñíbeis. Forman a liña máis veterana do equipo. Os tres, malia o esforzo físico, manteñen un nivel ascendente nas eliminatorias. O Antela chegará tan lonxe como lles alcancen as forzas (e as luces) aos homes da sala de máquinas. Carlos, Raúl, David Lamas e sobre todo Pitu teñen botado unha man nesa parcela.

Xoias na dianteira
Iván Gómez saíu con todo hai quince días na volta contra o Monteporreiro. Xogaron xuntos Álex Teixeira, Jorginho e Carlos, tres xoias. Teixeira, mancado, foi do mellor en ataque mentres aguantou no campo. Máis xoias: Belucho, importante para o adestrador no tramo final de Liga, e Adrián Carreira, recuperado para o play-off, forman unha segunda unidade de moito nivel ofensivo. Inda que en Coles, coa baixa de Germain, Gómez recorreu a Lamas, titular, e a Codes, outro xuvenil, na procura de máis traballo defensivo.

Iván Gómez, en Coles o domingo tras o partido de ida.

As cartas están boca arriba. Teixeira xogará a pouco que poida calzar as botas. A recuperación de Andrés parece improbábel. Mais Iván Gómez adoita a gardarse algún as. A convocatoria para o partido co Coles sorprendeu a moitos na Moreira, tamén ao rival. “Estou moi contento con todos”, insistía o técnico ao final do partido. Os que non se vestiron de curto tamén estiveron en Albán, animando e sufrindo.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario