A final que non soñabamos xógase mañá

A final nunca soñada é unha realidade. Xógase na Moreira mañá domingo (18,00 horas) e o último obstáculo do Antela B de Iván Gómez para alcanzar o ascenso -e completar unha tempada inaudita co ascenso dos tres equipos do club- é o Coles (0-0 na ida), filial da UDO, rival co que xogou tres veces, gañou dous partidos e non recibiu ningún gol.

A tempada inaudita na que A Moreira descubriu Jorginho, Antón, Carlos, Bruno, Andrés, Borja Rubén, Pío, Penabad, Iago e Lucas, futbolistas no camiño do Joni, do Pedro, do Xabi Lamas, dos Teixeira, Xurxo ou Cole; na tempada do regreso exprés do primeiro equipo a Preferente (o teito) e do primeiro ascenso do xuvenil ás divisións galegas (teito a consolidar), o filial pode pasar de Segunda a Primeira provincial cunha xeración de mozos aínda en progresión e con potencial dabondo para se consolidar na categoría.

O Antela B chega ao encontro coa confianza a tope despois de alcanzar a promoción no sprint final da Liga, superar a un Monteporreiro que resultou unha montaña moi difícil de escalar e demostrar en Albán que, cando menos, ten o nivel do Coles.

Tras o adestramento de onte, a convocatoria inclúe a Álex Teixeira, que se recupera das molestias nun nocello e que no play-off apenas puido xogar unha hora diante do Monteporreiro. Teixeira ocupa o lugar de Codes, o resto son os mesmos que os do pasado domingo.

Gómez e os seus axudantes, Valderas e Riqui, intentarán sorprender ao Coles, un conxunto máis experimentado e con fondo de armario. A ‘pizarra’ ten o seu peso. Mais o Antela B volve ao prado da Moreira para despregar as súas virtudes e cun bo ambiente na grada. O fútbol limiano é 1. Número de Primeira. De campión, como o equipo de Bruno Gómez e os cadetes das Escolas Deportivas (de novo campións esta mañá). O 1 de punta cara arriba, como o xuvenil de Forri con Penabad, Iago e Lucas, que hoxe poderían celebrar o tridente dos 3 ascensos, o mesmo que Jorginho, o futbolista que protagonizou unha tempada prodixiosa, símbolo máximo do Antela 2025.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario