“É a mellor xeración de futbolistas limianos que vin nunca antes”. Así de rotundo se expresou Juan Forri, adestrador do Antela xuvenil, despois de presenciar na Moreira a final de Copa Deputación cadete que proclamou campión ao equipo das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo de Limia (4-1, diante do Bosco).
Nesta mesma xeración inclúe Forri a futbolistas como Iván, Santana, Adrián Meno ou Manu Melguizo, que están noutros equipos. “Oxalá entre todos consigamos que esta sexa a base do xuvenil do ano que vén”, sinala Forri, e comenta que as conversas entre os responsábeis do xuvenil do Antela e a dirección das Escolas avanzan cara unha colaboración “máis estreita” para vincular aos equipos xuvenís do Antela (que a tempada próxima debutará na Preferente) e das Escolas, e dar continuidade ao traballo da entidade municipal que tamén terá equipo cadete e, de novo, infantil nas competicións de nivel autonómico.
A respecto da final desta mañá na Moreira, Forri explica que os dous equipos “saíron un pouco nerviosos” e que na segunda parte, despois de que o Bosco se adiantase de penalti, os liminanos “reaccionaron rápido” e “demostraron a súa superioridade”. “Eran o mellor equipo este ano e gañárono todo: Liga e Copa”, resume.
O Antela F.C. felicita ao equipo cadete das Escolas pola tempada perfecta e a todo o club polos logros: Parabéns campións!

Noraboa e a seguir millorando 👏👏👏👏👏👏