Dous xuvenís, o porteiro Iago e o defensa Lucas Carnero resolveron a final polo ascenso a Primeira na quenda de penaltis na Moreira. O partido de volta, con prórroga, rematara 1-1 despois dun enorme esforzo do Antela B para igualar o gol inicial do Coles xusto antes do descanso (de novo, Carlos; e de novo cun disparo desde fóra da área), e despois dunha segunda metade (e primeira parte da prórroga) na que o Antela superou ao rival e á calor mais non lle alcanzou.
Entón chegaron os penaltis. O Antela errou os dous primeiros, e o Coles o terceiro (parada de Iago) e o cuarto. Isra anotou o 2-3 e Carlos empatou de novo. Na morte súbita, o Coles volveu empezar con gol, e Pío empatou ao estilo Panenka. Chegou o momento de Iago, que se estirou cara a dereita e sacou unha man que freou o tiro por abaixo de Dámaso. O sétimo do Antela ía ser cousa de Lucas Carnero, que na última quenda (a da Copa xuvenil, na eliminatoria contra as Escolas, fallara un). Carnero colocou o balón con calma, tomou carreira desde moi cerca e golpeou seco á esquerda do meta visitante, que se tirou cara o outro lado.
“Estes rapaces son incríbeis”, agradecía Iván Gómez, o adestrador, durante a celebración do ascenso a pé de campo. “Parecía que tiñamos todo perdido, mais eles confían, seguen e seguen…”, insistía mentres empeza a comprender una virtude característica dos limianos. Javi Pérez, un líder na defensa que deu outro paso á fronte, explica o sucedido -un ascenso co que ninguén contaba hai dez meses, co que se empezou a soñar hai cinco e pouco despois xa parecía, definitivamente, unha quimera- desta maneira: “Non mo creo. Normalmente dise que un equipo constrúe un grupo de amigos. Aquí foi antes o grupo de amigos e rematamos por construír un equipo”. Álex Teixeira, ao que se agarrou o equipo nos momentos máis delicados tras o gol visitante, reflexionaba: “Isto estaba feito para nós. Parecía que estaba todo perdido cando fallamos os dous primeiros penaltis, pero confiamos en nós, só tiñamos que loitar, porque estaba para nós”.
“Isto é A Moreira, eiquí hai que sachar”, advertía unha faixa colocada fronte á tribuna. E baixo aquela faixa rematou a festa cos xogadores deixándose fotografíar despois de ter cantado o “Blanco y Negro”, a canción de Malú coa que fixeron piña. Foi despois da última parada de Iago e o lanzamento de Lucas Carnero, despois das bágoas, os abrazos con todo o cadro de xogadores, Germain e Manu entusiasmados fundíndose co Borja Rubén, que tivo a desgraza de fallar o primeiro penalti. O Andrés, baixa por lesión, agradecendo ao Jorginho, quebrado polo inmenso traballo. O Carrasco cos amigos, o Pitu, o Belucho, todos para un, incrédulos e emocionados. O fútbol é un deporte duro, e máis na Moreira, coa calor, os nervios, a tropa toda empuxando desde a grada. Hai que sachar, si. A Moreira pesa, extensa, ampla, un escenario no que non hai sitio para se esconder, boura a calor igual co vento: ou traballas ou morres. Benvidos ao fútbol limiano, que atravesa a chaira coma un ciclista que perdeu de vista ao pelotón e dá pedal sen levantar a vista cara o horizonte.
Espertamos do soño e si: o Antela B está en Primeira, e xuvenís como Iago, Penabad, Lucas e Jorginho puideron sentirse protagonistas de tres ascensos nunha tempada inolvalidábel para eles e para a xente. Os deuses, desta volta, chiscaron un ollo de aprobación. A Moreira, o prado, é o noso templo.
Grazas por unha tempada irrepetíbel.
Ficha técnica: https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodActa=1285861&cod_acta=1285861
GALERÍA




















