Peque, Carlos e Outeiriño, renovados

Adrián Campero Ruiz, Peque (Xinzo, 2003) volverá lucir o distintivo de capitán do Antela -xa o fixo nun partido desta pasada Liga- despois de renovar co club para seguir unha tempada máis no primeiro equipo. Adrián, que se lesionou en xaneiro, xusto a comezo da segunda volta, disputou 16 partidos (1.000 minutos) entre Liga e Copa esta campaña. Nas dúas anteriores, compaxinando o B co primeiro equipo, chegou a xogar un total de 29 partidos cun rango de minutos similar. Peque foi, como xuvenil e xunto aos irmáns Lamas, unha das revelacións na Liga 21/22, a do anterior ascenso, con Óscar Sabucedo no banquiño. Peque terá a competencia do arxentino Isuardi, que se comprometeu a regresar en xullo, e de Adrián Lorenzo, Cole, un futbolista polivalente que con Bruno Gómez empezou como mediocampista e acabou como lateral. Será a quinta campaña de Peque no primeiro equipo: dúas en Preferente e dúas en Primeira.

Tamén renovaron os dous dianteiros fichados en decembro: Carlos González e Brais Outeiriño. Carlos, que saíra do Antela en setembro de 2023 camiño do Arenteiro, regresou ao club da Moreira despois de ter pasado ademais polo Rápido de Bouzas e o Barbadás, ambos en Terceira. Carlos (Xinzo, 2004) foi gañando protagonismo no último tramo da Liga. Estreouse -con gol- en decembro diante do Monterrei e anotou o tanto decisivo contra o Cartelle. Xogou 14 partidos co A e 10 co B, co que marcou 3 goles. No play-off de ascenso foi decisivo cos seus tantos diante do Monteporreiro e este último domingo contra o Coles. No 2024, Carlos xogou 9 partidos co Rápido e 14 co Barbadás en Terceira REF.

Carlos, contra o Córgomo na Moeira.
Brais, no partido en Viana en abril.

Pola súa banda, Brais Outeiriño (Ourense, 2001) chegou procedente do Arnoia (Preferente), disputou 17 partidos, a metade como titular, sempre como extremo zurdo. Marcou un gol e terminou a tempada mostrando as súas mellores virtudes, competindo con Joni, Anxo e Dinís pola titularidade. Outeiriño xogou 22 partidos co Barbadás en Preferente, 25 co Velle e 16 co Arnoia.

Con estas renovacións, o Antela 25/26 xa conta con dez futbolistas comprometidos: un porteiro, Bruno Pío; os defensas Peque, Lois e Boán; os medios Esteves (única fichaxe até o momento), Cole e Pedro; e os dianteiros Carlos, Jorge e Brais. O club traballa noutras renovacións, mentres prepara a última celebración colectiva dos tres ascensos. Ademais, a próxima tempada cumpriranse os 40 anos do mellor Antela da historia, o equipo que na tempada 85/86 rematou 7º na Preferente, daquela a quinta categoría do fútbol estatal.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario