“Penabad e Amine son unha realidade”

“Forri é adestrador, pai dos rapaces, directivo, delegado, preparador físico… O sangue de Forri ten glóbulos brancos, glóbulos negros e plaquetas. É branquinegro puro, desde a medula. Gustaríame que estivera sempre aquí”, sostén Pablo Losada, o presidente do Antela.

O club vén de anunciar a continuidade do adestrador do xuvenil, que esta tempada se estrea nunha división autonómica. Mais Forri tamén seguirá como axudante de Bruno Gómez. “Vou facer mais quilómetros que un tren”, admite o adestrador, de 29 anos, que rematou a súa carreira como futbolista xogando no B e, tres anos despois, celebrou tamén o ascenso no que colaborou como técnico nun par de partidos.

O Forri 2025/26 é o Forri dos tres ascensos do Antela. O Forri 2025/26 é un tipo prudente. Cos pés na herba e a mirada posta sempre nos futbolistas por moldear.

Por que decides continuar no xuvenil?

O Antela pensa que é o meu sitio, e a praza no filial xa se cubriu hai un par de meses. Ademais, os futuros capitáns do xuvenil tamén mo pediron, e vexo que se pode crear un equipo con moita proxección e posibilidades. No plano persoal, penso que é un bo posto a modo de experiencia.

Mais tamén compaxinarás o xuvenil co A, como segundo de Bruno?

Vou facer mais quilómetros que un tren, si… Xa contaba con iso, e imos reforzar o corpo técnico do xuvenil. Aí están o Xurxo, o Javi, o Bruno Pío e o Xián e espero que se incorpore tamén un fisio.

Mudará o teu rol no A?

Está ben definido: son o encaixe entre a canteira e o sénior, intento estar perto sempre dos xogadores mais mozos. Penso que encaixei moi ben con Bruno Gómez. Este ano todos teremos que dar máis, pero é un gran adestrador, preocupado por todo… Vén antes aos adestramentos para ver aos xuvenís, sempre que pode presencia os partidos do filial. Está en todos lados. Eu encárgome máis de fases de adestramento xeral; el da situación de partido, táctica, etcétera, mais sempre consensuando matices.

Cal é o obxectivo do xuvenil 25/26?

Seguir recortando o salto que significa pasar de xuvenil a sénior. E, na competición, os rapaces marcarán onde queren e poden estar.

Na 24/25 debutaron no A: Anxo, Izan, Penabad e Lucas. Cales ves con condicións para seguir no A en Preferente?

Lucas e Anxo teñen que chupar roda no xuvenil. Penabad e Amine son unha realidade. Están en dinámica de primeiro equipo e van ter a oportunidade dende o primeiro día de convencer. Tendo en conta que son sub’23, o filial está para axudar nestes casos e eles, para axudar ao filial. E, por certo, sen esquecerse de Codes. Izán, por motivos laborais, non vai estar. Sabe que cando sexa terá as portas abertas. Volverémonos xuntar, estou certo.

Afirmas que a xeración que chega é a mellor das que viches. Mais precisan dar o salto, cales dos novos ves xa preparados para xogar no xuvenil en Preferente?

Todos demostraron que teñen moito nivel. Para min o importante é que os que están e os que chegan andan xuntos na rúa, os de cada equipo van ver aos outros. Xinzo axuda moito a que se coñezan todos.

Que papel pode xogar o B nunha categoría como Primeira?

O filial ten capacidade dabondo para competir. Mais non valen cadros curtos de xogadores, iso sabémolo. Pasiño a pasiño. O B so ten 3 anos de existencia, toca consolidarse. E, ademais, é unha responsabilidade engadida para o primeiro equipo en canto que supón un incentivo máis para a permanencia.

Pónlle un adxectivo ou resume nunha idea cada ascenso deste ano.

Para min o ascenso do A é o resultado de cando a calidade se pon a traballar duro. O ascenso do filial é un claro exemplo de crecer a pasos de xigante. E, no caso do xuvenil, é o premio á insistencia. Ascender os tres o mesmo ano é unha pasada.

Andrés, Raúl, Forri e Penabad coa copa de campións de Primeira Futgal.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario