“Oxalá Joni se quede”

Son días frenéticos no Antela. A mesma tarde que se senta a negociar con Iván Gómez, o adestrador que logrou o ascenso co filial, Pablo Losada, presidente do club, está pendente de pechar dúas fichaxes para o primeiro equipo, nun contexto complicado polas apostas doutros clubes, mentres segue atento ás conversas coas Escolas Deportivas para alcanzar un acordo que permitirá estreitar a colaboración entre ambas entidades.

Antes de posar para a fotografía, Pablo Losada ten un recordo para a Javier Palomanes, falecido estes días, e para a familia do que foi xogador do club. O tres é o número dunha tempada redonda: perfecta no deportivo (tres ascenso, cun título de por medio, o de Primeira Futgal) e salvada con moito esforzo no económico.

Como se sente un presidente que pode presumir de tres ascensos?

Pois moi orgulloso. Orgulloso dos xogadores, dos adestradores e da directiva. Houbo que traballar moito, moito para que todo saíse ben. E saíu. Hai que seguir traballando moito, moito para non desmerecer estes éxitos.

E como cres que se sente Xinzo co seu club máis representativo?

Agora mesmo todo son gabanzas e parabéns. O normal. Penso que a xente tamén se sente orgullosa… viuse na asistencia aos últimos partidos. E teño que dicir que o ano pasado, canda o descenso, a xente tamén foi comprensiva connosco.

Como valoras o ascenso do A, que foi unha obriga desde o principio?

O obxectivo era ascender, a esixencia era máxima, e tanto os técnicos como os futbolistas así o asumiron. Agora parece que foi fácil. Mais houbo momentos complicados que se resolveron ben.

O do B? Que parecía o máis complicado de todos?

Ao principio da tempada sinaleille a Marcos Ruído [adestrador até marzo] que había potencial para estar loitando entre os cinco primeiros. Esta xeración vímola crecer. Inda lembro aquelas bágoas en Gondomar cando se perdeu un ascenso en xuvenís. O fútbol debíalles unha. E teñen compromiso e calidade para estar onde estarán a próxima Liga.

E o dos xuvenís, por fin, ese ascenso tan perseguido?

O ano pasado quedámonos a un so punto… Había que volver a intentalo, había que estar na loita. Conseguiuse, mais o obxectivo segue sendo formar futbolistas na Limia.

“Espero que o primeiro equipo loite por estar ao redor do posto 8º na Preferente, que o filial poida estar ao redor do décimo posto na Primeira Futgal, e que o xuvenil poida pelexar polo 6º ou 7º posto… Espero unha tempada máis tranquila que esta”.

A tempada saíu redonda no deportivo, como foi no aspecto económico?

Gustaríame ter conseguido máis ligazóns entre o club e empresas da Limia.

Desde a presidencia, desde hoxe, onde ve ao Antela, ao Antela B e ao xuvenil dentro dun ano?

Espero que o primeiro equipo loite por estar ao redor do posto 8º na Preferente, que o filial poida estar ao redor do décimo posto na Primeira Futgal, e que o xuvenil poida pelexar polo 6º ou 7º posto… Espero unha tempada máis tranquila que esta (sorrí).

De novo, máxima esixencia… iso vai ter que ir acompañado por un esforzo maior tamén no económico. Como está nese aspecto a entidade?

Pois nese aspecto a cousa está, digamos, apertada. Esperamos que ese orgullo que sente Xinzo polo Antela se transforme en que novas empresas se arrimen ao proxecto, e tamén as institucións. Isto é traballo para a directiva. Estámonos a enfocar en obxectivos concretos para mellorar os resultados dese traballo.

A respecto das institucións, durante a tempada foise producindo un achegamento co goberno municipal, melloraron as perspectivas?

Melloraron. E queremos afondar nesa liña de mellora.

“Os rapaces do B estiveron facendo o esforzo estes anos de pagar a ficha; agora será o club quen asuma tamén ese gasto. O equipo volverá ser case cento por cento limiano”.

A cuestión que máis interesa á afección: o futuro cadro de xogadores do Antela. Como van as renovacións e as fichaxes?

As renovacións continuarán. Nas fichaxes estamos traballando en función das nosas posibilidades. Temos o orzamento que temos e non podemos competir con outros clubs. Chegaron David Esteves e Charli, e chegarán máis futbolistas. Queremos reforzar todas as liñas cun ou dous xogadores porque hai que ter fondo de armario.

Que vai cambiar no filial?

Os rapaces estiveron facendo o esforzo estes anos de pagar a ficha; agora será o club quen asuma tamén ese gasto. O equipo volverá ser case cento por cento limiano. Inda que non podemos competir con outros para recuperar xogadores da Limia.

Convencestes a Joni para que bote unha man no B?

Estaremos encantados de que axude onde queira axudar: na directiva, na parte técnica, como futbolista… Na cea de todos os equipos, a semana pasada, volvéronlle cantar iso de ‘Joni, quédate!’ Oxalá que Joni se quede.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario