Un mes despois de que o pasado 20 de maio o Antela anunciase a continuidade de Pedro Castro, a primeira renovación de cara a tempada 2025/25, o cadro de xogadores do primeiro equipo conta con 17 nomes, 14 deles xa estaban, como Pedro, no equipo que gañou a Liga e o ascenso a Preferente.
O club moveuse rápido coas renovacións, mais até esta mesma semana non se anunciaron as de Xabi Lamas, Antón Rodríguez Aguiar e Tiago Teixeira, futbolistas claves nun proxecto de base limiana e que espertaron o interese doutros equipos.
Neste mes o Antela fichou tres novos xogadores: David Esteves, Carlos López ‘Charli’ e Mauro Sabucedo. Esteves e Sabucedo, de 22 e 20 anos respectivamente, veñen para reforzar o medio campo. O luso, avalado por Bruno Pío; o ourensán, do gusto de Bruno Gómez, que o seguía no Arnoia. Charli, que regresa ao Antela despois de dous anos, é polo momento o futbolista con máis experiencia na Preferente (5 tempadas, dúas delas na Moreira, e 127 partidos de Liga), alén do seu paso pola Terceira REF. O limiano, de 26 anos, será un dos referentes no vestiario xunto con Pedro Castro (cunha bagaxe de tres tempadas en Preferente e 87 partidos).
O cadro de xogadores ten, polo momento, unha media de 23,2 anos. É dicir, un equipo algo máis mozo do habitual na Preferente (a media do Arnoia foi de 25 anos e a do Cented de 24 na última Liga). E, ademais de Carlos e Pedro, apenas outros tres futbolistas superan o medio centenar de encontros na categoría: Brais Outeiriño (68), Cole (56) e Tiago Teixeira (55). Xabi, por exemplo, ten 40. E Boán e Lois, con dúas tempadas tamén de experiencia, teñen 35 e 37, respectivamente.
Moi mozo e un tanto novato, o equipo estase a construír entre dúas circunstancias condicionantes: a calidade e proxección do cadro que vén de lograr o ascenso e dunha canteira que medra, e un mercado máis esixente que o de hai dúas tempadas.
CADRO DE XOGADORES DO ANTELA A 21 DE XUÑO
Ordenados segundo n.º de partidos disputados en Preferente.
| Futbolista | Idade | Tempadas en Preferente | Xogos en Preferente (Liga) |
| Carlos López | 26 | 5 (3 en Terceira REF) | 122 |
| Pedro Castro | 30 | 3 | 87 |
| Brais Outeiriño | 24 | 5 | 68 |
| Cole | 22 | 2 | 56 |
| Tiago | 21 | 2 | 55 |
| Xabi | 21 | 2 | 40 |
| Lois | 27 | 2 | 37 |
| Boán | 31 | 2 | 35 |
| Peque | 22 | 2 | 29 |
| Sabucedo | 20 | 1 | 22 |
| Antón | 25 | 1 | 19 |
| Anxo | 22 | 1 | 8 |
| Carlos González | 20 | (2 en Terceira REF) | – |
| Andrés | 20 | 2 | Non debutou |
| Bruno Pío | 22 | – | – |
| Esteves | 22 | – | – |
| Jorge | 19 | – | – |





