Tres semanas despois de conquistado o ascenso a Primeira Futgal na eliminatoria final contra o Coles, Iván Gómez, o adestrador que obrou o milagre, chegou a un acordo co club para se encargar de preparar ao Antela B no debut en Primeira Futgal.
Coa renovación de Iván Gómez, o Antela xa completou os banquiños dos tres equipos. A aposta, como parecía aconsellar os resultados da tempada inda en curso, é a continuidade. Así, Bruno Gómez gozará da oportunidade de dirixir ao A en Preferente; Iván subirá co B a Primeira; e Forri estrearase co Xuvenil en categoría autonómica.
Iván Gómez xa ten experiencia na categoría e contará coa base do equipo desta Liga, ao que chegou a 8 xornadas do final e conseguiu meterse na promoción (terceiro) despois de sumar 6 vitorias e 2 empates. Nos play-off polo ascenso superou sen perder ningún partido ao Monteporreiro (na prórroga na Moreira) e ao Coles (nos penaltis).
RIVAIS EN PRIMEIRA FUTGAL
Á espera da definitiva configuración dos grupos de Primeira Futgal, os equipos ourensáns na categoría son os seguintes: Verín (descendido de Preferente), Polígono, Muíños, Monterrei, Velle, Nogueira, Córgomo Vilamartín, Sporting Carballiño, A Peroxa, Maceda, Melias, Allariz, Maside, Loñoá, La Purísima (ascendido) e Francelos (ascendido). Con Antela, 17; polo que para completar o grupo a FGF tería que incluír un equipo de Lugo (Brollón), a opción que parece máis sensata.
NA PROCURA DE REFORZOS PARA O A E O XUVENIL
Mentres, o primeiro equipo segue na procura de reforzos despois de cinco incorporacións xa pechadas, esperando pola resposta definitiva dalgúns que xa parecían comprometidos e valorando as fichaxes de, polo menos, un xogador por liña (defensa, medio e dianteiro). O mercado complicouse un pouquiño máis coa competencia do Celanova (ascendido hai apenas dúas semanas) e a permanencia do Barbadás (confirmada a semana pasada). Os de Os Carrís entraron na poxa por estrelas da Preferente ourensana levándose a Presas, Iker, Villar e Kevin Ferreira.
No caso do Xuvenil, a prioridade no club era avanzar na colaboración coas Escolas Deportivas do Concello de Xinzo de Limia, e o acordo de cara a próxima tempada é firme despois de varias conversas. Juan Forri segue traballando na conformación do cadro de xogadores para Preferente Futgal, e a directiva, na organización do Torneo de Fútbol Sala –inscricións abertas até o día 20– e tamén nunha competición de pretempada para equipos xuvenís.