A hora do fútbol sala: Torneo de Xinzo

A Concellería de Deportes do Concello de Xinzo de Limia colabora co Antela Fútbol Club na organización do Torneo de Fútbol Sala de Xinzo, un evento que nace con vocación de continuidade para desfrutar en época estival dunha modalidade deportiva con ducias de adeptos.

A primeira edición celebrarase no Pavillón de Deportes de Xinzo esta fin de semana, entre o venres 25 e o domingo 27, en dúas categorías: a sénior, coa participación de 12 equipos, e a xuvenil, con 6 equipos. O total de premios en metálico na categoría sénior ascende a 2.050 euros (1.100 € para o primeiro clasificado).

A competición xuvenil disputarase nas xornadas de venres e sábado; e a sénior, entre o sábado e o domingo. Están inscritos equipos da Limia, mais tamén de Verín, Ourense, Portugal e Vigo.

A concelleira de Deportes, Cristina Campero, e o presidente do Antela F.C., Pablo Losada, presentaron onte o evento no que traballarán como voluntarios membros do club e que para o Antela suporá o arranque das actividades da tempada 2025-26 na semana previa ao comezo da preparación dos tres equipos de fútbol branquinegros.

O Antela Fútbol Club e a Concellería de Deportes do Concello de Xinzo de Limia ultiman ademais a organización dun torneo de fútbol-11 en categoría xuvenil para finais do mes de agosto, con escenario na Moreira e coa participación das principais escolas de fútbol da provincia.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario